Freixanes di que a división na RAG responde “a cuestións persoais”

O novo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, asegura que a división no ente responde a “cuestións persoais de persoas moi concretas” que, ao ser ver, non superaron vellas feridas e cualifica a etapa que enceta con el á fronte de “continuista”.

freixanes

Víctor Freixanes, o novo presidente da RAG circunscribe as divisións que hai na institución e que ficaron evidenciadas esta semana a “cuestións persoais de persoas moi concretas” que, na súa opinión, non superaron vellas feridas. Así o afirmou nunha entrevista concedida á Radio Galega, na que confesou non perder a esperanza de conquirir a unidade de acción.

As diferenzas na RAG ficaron de manifesto na sesión plenaria en que se elixiu o novo presidente. Dela ausentáronse nove académicos, dos que tres escusaron a súa asistencia.

Freixanes entende que o anterior equipo fixo "un extraordinario traballo"

O novo presidente da Academia cualificou a súa candidatura de “continuista”, ao entender que a anterior equipa fixo “un extraordinario traballo”. Aproveitou a conversa para reivindicar unha “maior implicación” da sociedade coa RAG e a colaboración de empresas no desenvolvemento de proxectos da institución. Unha institución que, ao seu ver, non corre risco pero necesita máis recursos.

A liña vermella: dúas mulleres

Na entrevista, Freixanes asegurou que negociou cos críticos para tratar de os integrar ao equipo, mais marcou como liña vermella a incorporación de dúas mulleres. “Simbolicamente é moi importante ter as mulleres aí”, salientou. “Dáse a casualidade de que é odo máis vivo que temos na Academia, do máis activo e dos máis renovador as dúas persoas que veñen nesta candidatura”, acrecentou, en alusión a Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.

Comentarios