Frases das Irmandades nos pasos de peóns en Pontevedra

Levar ás Irmandades á rúa. De forma literal. Esa é a idea dunha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, que hoxe presentou o primeiro paso de peóns intervido con frases de Castelao e das Irmandades da Fala para conmemorar o Ano Castelao e o centenario do movemento irmandiño. 

PASO PEONS II
photo_camera Presentación en Pontevedra do primeiro paso de peóns "intervido"

Trátase dunha acción de arte urbana, cun deseño de Rei Zentolo e Caramuxo, que se levará a cabo en pasos de peóns e prazas públicas dos concellos da provincia pontevedresa. O primeiro paso de peóns escolleuse na contorna do Café Moderno de Pontevedra, pola relación de Castelao con este emblemático edificio e pola significación da propia cidade no ámbito da mobilidade.

"Se aínda somos galeg*s é por obra e gracia do idioma" e "Na fala galega vive a ialma da nosa terra" son as dúas frases escollidas para intervir os pasos de peóns e as prazas públicas dos concellos da provincia e achegar á cidadanía a loita pola defensa da lingua tanto de Castelao como das Irmandades da Fala. Así o explicou esta mañá o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación do primeiro exemplo na contorna da Praza de San Xosé de Pontevedra. A iniciativa, segundo sinalou Xosé Leal, consiste en achegar á cidadanía os dous centenarios máis significativos deste ano, o da fundación das Irmandades, e o da chegada de Castelao a Pontevedra. 

"Queremos que esta acción sexa un punto de inflexión a nivel lingüístico para que a xente se involucre no que era historicamente a defensa da lingua, que sigue sendo unha opción que hai que seguir defendendo hoxe en día, e introducilas na cotidianeidade da xente" afirmou Xosé Leal durante a presentación. Sinalou que a frase de Castelao, "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma", está tirada do 'Sempre en Galiza'; mentres que "na fala galega vive a ialma da nosa terra" forma parte do himno orixinario das Irmandades, redactado por Manuel Lugrís. Leal explicou que "a idea dos pasos de peóns é porque permite que quede enfrontada a frase das Irmandades coa de Castelao, e pode lerse cada unha segundo o lado da rúa pola que se comece a cruzar."

"Nunha cidade como Pontevedra na que a mobilidade é tan representativa estaba moi ben comezar coa primeira intervención nesta boa vila" asegurou o deputado de Cultura e Lingua. Anunciou ademais que se intervirá un segundo paso de peóns na mesma contorna, xusto no que se sitúa enfronte do Café Moderno. 

Unha escolla na que tamén afondou o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, asegurando que "desde o concello buscouse un espazo próximo á figura de Castelao, ao lado do Café Moderno, que é un dos espazos do roteiro Castelao da cidade, onde el tivo tanta participación e protagonismo".  Luis Bará tamén fixo fincapé na necesidade de "reivindicar ese ideario da xente que se comprometeu naquel momento na defensa do país" en referencia á fundación das Irmandades da Fala, que en Pontevedra cumprirá o centenario de dita fundación a comezos de decembro. O concelleiro aproveitou, ademais, para poñer en valor este tipo de accións sinalando que " parécenos importante levar estar figuras e estas temáticas á rúa, saír ao encontro da xente nos espazos públicos ". Na presentación tamén estiveron presentes representantes de Rei Zentolo e de Caramuxo, os encargados de facer o deseño e de executar a acción.

Comentarios