‘Frankenstein-04155’ gaña esta edición de Cineuropa

O filme sobre o accidente do Alvia foi a fita máis votada nesta edición de Cineuropa que rematou o pasado domingo. 

Presentación Frankenstein
photo_camera Frankenstein 04155

Cineuropa rematou o pasado domingo, 29 de novembro, a súa 29ª edición, na que puidemos ver máis de 300 filmes. En total foron 29.700 persoas as que asistiron ás proxeccións, incluídas as acompañadas con música en directo da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia. Esta edición foi ademais a de maior número de películas da historia: 302 filmes inseridos en 21 seccións e cunha sección oficial, buque insignia do festival, que tamén bateu récords con 35 películas. 

A gañadora desta edición foi ‘Frankenstein-04155’ do galego Aitor Rei que tivo a súa estrea o 18 de novembro nun Teatro Principal ateigado que lle deu de nota un 9,53. Este documental analiza as múltiples variables que influíron no fatal accidente do Alvia 04155 o 24 de xullo de 2013. O filme, producido por Boneca Lareta, contou coa colaboración da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, que estiveron presentes xunto a Aitor Rei na proxección, e recibiu financiamento a través de achegas de particulares mediante unha plataforma de crowfunding.

En canto á Sección Oficial, a gañadora foi ‘Le Nouveau’, comedia francesa coa que se inaugurou esta edición, que conseguira o premio Novos Realizadores en San Sebastián e ao que o público lle deu un 8,46 de nota; e en Panorama Internacional a maior nota, un 8,35, foi para ‘El botón de Nácar’.

Comentarios