'Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza' revisa a historiografía existente

Francisco Rodríguez presenta o seu último ensaio sobre o reino da Galiza

Francisco Rodríguez presentou na cuarta feira, no Museo do Pobo Galego, un ensaio sobre o reino medieval da Galiza  que desvela a ocultación e a manipulación dunha parte esencial da nosa Historia. A obra, de máis de 500 páxinas, reconstrúe o esplendor daquel reino en contra da "manipulación ao servizo de Castela".
 
Presentación do ensaio 'Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza', de Francisco Rodríguez. (Foto: Arxina)
photo_camera Presentación do ensaio 'Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza', de Francisco Rodríguez. (Foto: Arxina)

Stefan Zweig escribiu en 1927 o que talvez é o seu libro máis coñecido, Momentos estelares da humanidade, no que describe con mestría certos puntos de inflexión no devir histórico, momentos que marcan un camiño durante décadas e, ás veces, séculos. Mais Zweig pensa en Alemaña, en Rusia, en Francia, en Inglaterra...  e non lembra eses pobos de Europa que non tiveron Estado e que, malia todo, viviron etapas que tamén deixaron o seu carimbo na Historia. Francisco Rodríguez faille unha chiscadela a ese concepto de estelar do escritor vienés ao titular o seu último ensaio Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, que presentou na cuarta feira no Museo do Pobo Galego -acompañado por Patricia Varela, da AS-PG, Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre e María Antonia Pérez, da Agrupación O Galo- e no que fai un recordatorio do que significou o reino galego medieval e do esquecemento ao que se ve sometido o noso pasado. 

“A primeira intención do libro é expresar desacougo e certa irritación polo estado do sistema educativo, desde o ensino medio até a Universidade, a respecto do estudo da historia da Galiza en xeral e da Idade Media en particular”, declara Rodríguez a Nós Diario. “E tamén manifestar que as persoas cunha mínima conciencia na Galiza deben lidar cun baleiro histórico que leva a confusión sobre a nosa identidade e sobre a propia visión que a sociedade galega ten sobre si mesma”. 

A importancia do reino da Galiza no contexto ibérico, e mesmo europeo, durante este período histórico xa resulta difícil de ocultar, mais institucións como a Universidade permanecen, en xeral, alleas ás novas -e non tan novas- lecturas que fan do reino galego un actor principal na historia europea medieval. “E o que é peor, condiciona a formación do profesorado de todos os chanzos educativos e, daquela, temos impartindo docencia a persoas educadas no silencio ou mesmo no desprezo pola historia galega. Iso non ocorre en ningunha parte do Estado español: os nenos andaluces coñecen perfectamente a importancia do Islam e os leoneses están educados no respecto pola corte de León, mais aquí continuamos sendo indiferentes ante o noso propio pasado, que non é menos notábel en absoluto. Pechamos os ollos ante o feito, por exemplo, de que é na Galiza onde se constrúe o templo da cristiandade máis importante de toda Europa, a catedral de Santiago, un centro irradiador de cultura, de comercio e de ideoloxía sen parangón no seu momento. Iso non é casual. Galiza como nación- aínda que non posúa nese momento, loxicamente, o aparato de Estado propio das nacións modernas- é unha conformación medieval, como todas as de Europa". 

Silencio e manipulación 

Patricia Varela, presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, responsábel da publicación do volume, insiste en que a “nosa liña editorial céntrase en desvelar aqueles aspectos da nosa historia que foron silenciados ou manipulados e, nese sentido, o libro de Rodríguez é unha peza fundamental en canto que ofrece unha nova lectura de datos que xa se coñecían. Demostra que manexando a mesma documentación, as conclusións poden ser outras”. 

Efectivamente, Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza opera cos datos que emprega a propia historiografía española, mais “pon en evidencia que a documentación medieval existente foi interpretada ao servizo dunha ideoloxía que pretende salientar a preponderancia do Reino de Castela. Os datos indican que a realidade foi moi diferente. Esa é a grande achega deste libro. Pero ademais revela que a política da nobreza galega sempre foi de achegamento ao Reino de Portugal -como queda patente en testamentos e na política de alianzas matrimoniais- e que a súa preferencia a respecto do mundo musulmán foi a de manter relacións de intercambio comercial e cultural, non de enfrontamento bélico, como pretende o mito da Reconquista”. 

"Este libro estaba feito un pouco desde a raiba que sentía ao ler determinadas interpretacións", confirma o autor. "Quería empregar os mesmos documentos que os historiadores españois para poder explicar que, coa documentación que utilizan, as súas teorías non se sosteñen. Os datos que dan contradín continuamente as conclusións ás que chegan, ou as afirmacións que fan, que son, en moitas ocasións, tautoloxías ou reafirmacións de principios".

Proxección no presente

Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, tamén presente na presentación de onte, chama a atención sobre o "enorme esforzo de documentación e de estudo das fontes que levou a cabo o autor. E todo cun gran respecto intelectual polos estudosos que manteñen visións contrarias á súa". 

Vilar sostén que resulta fundamental revisar e aclarar eses aspectos da nosa historia "que non foron tratados con regularidade nin coa equidistancia que se lle presupón a historiografía académica. E a historia medieval é unha etapa crucial para entender a Galiza de hoxe. Abonda pensar en que é nese período no que nace a nosa lingua. Por iso a mirada de Rodríguez resulta moi clarificadora para comprender certos problemas cos que seguimos convivindo como galegos. Non se trata só de mostrar erudición a respecto do pasado, senón, sobre todo, de ter elementos para entender o noso presente. Esta é unha obra dirixida a toda a sociedade, non un tratado para académicos". 

Un período de esplendor

O Reino da Galiza segue a ser unha realidade ignorada pola maioría da sociedade galega e, o que é máis grave, polas súas institucións. Mais cales son eses momentos estelares da súa existencia? 

Francisco Rodríguez apunta:"Un deles é o período de construción da Galiza como o reino con máis poder, máis prestixio cultural e máis irradiación da península, desde a etapa de Afonso VI e Xelmírez até o remate do Pórtico da Gloria, en tempos de Fernando II. É o período do inicio do cancioneiro galego e de esplendor da cultura monástica. 

"Logo", continúa, "a finais do século XIV, dáse un momento no que a Galiza resiste con belixerancia e angustia a invasión dos Trastámara, unha ocupación internacional que se dá nun momento fulcral na historia da Europa occidental".

Comentarios