'Aí vén o maio!'

Francisco Rodríguez: "A esmorga é unha novela filosoficamente materialista”

Francisco Rodríguez é ensaísta. As súas aportacións ao coñecemento, interpretación  e valoración da nosa literatura son referenciais. Preparou para o coleccionábel Aí vén o maio! de Nós Diario o fascículo correspondente á obra de Blanco Amor A esmorga.

[Imaxe: Xaquín Soliño] Francisco Rodríguez
photo_camera Francisco Rodríguez [Foto: Xaquín Soliño]

No seu traballo indica vostede que na xestación de A esmorga xogou un papel moi importante a distancia física e a ollada retrospectiva do autor cara a Galiza. Pode aclarar máis esta observación?

Blanco Amor foi un emigrante, en boa maneira, atípico. Marchou xa cunha formación intelectual e cun coñecemento ou contacto co movemento social que concibía Galiza na súa dimensión de nación negada. Procurou coa marcha para unha metrópole como Buenos Aires unha vida cosmopolita, coa liberdade individual necesaria, e abrirse paso como escritor en español. Todo emigrante pregúntase, en ocasións con máis intensidade, se non pagaría a pena volver, e esta pregunta significa moitas veces unha valoración do país abandonado e das causas que orixinaron esa fuxida das orixes. Próximos os sesenta anos, Blanco Amor formulou, con especial convulsión, estas preguntas. Desde a distancia física, que non emocional, sentiu a necesidade de regresar de forma definitiva, e á vez botou unha ollada retrospectiva á Galiza deixada na mocidade e aos aspectos que máis temía, á violencia implícita e explícita na súa dinámica de sociedade colonizada. Velaí a orixe de A esmorga.

Tamén di vostede que A esmorga é unha novela realista. Cal é, como é, a realidade descrita na obra?

A esmorga retrata a realidade socio-económica, política e mental da Galiza urbana, desde dentro do ambiente das clases populares, e en especial desde a mentalidade do proletariado simbiótico. É, pois, unha visión desde dentro dos dominados, oprimidos e perseguidos. Porén, esta visión é resultado do esforzo de alguén que, estando dentro do conxunto da estrutura colonial, sinte necesidade de dar a coñecer a realidade agochada, a súa historia oculta e ignorada. Polo tanto, estamos perante un intermediario que indaga e reconstrúe a historia que, de outra maneira, ficaría descoñecida. É o seu un esforzo por descolonizar, dándolle a palabra ao oprimido.

Blanco Amor constrúe unha crónica temporalmente moi compacta - 24 horas- e orienta a narración a un fin que parece deixar todo en mans do destino, un destino que os protagonistas non poden controlar. É compatíbel esa fatalidade coa consideración de A esmorga como unha obra realista?

O destino na novela é o conxunto de factores, todos eles materiais ou inmateriais, sempre sociais, económicos, mentais e medioambientais, que conducen ao final tráxico. É neste sentido que o destino tráxico está marcado para os tres personaxes que se moven no gume da navalla. Pode haber un certo azar ou casualidade na conxunción, no tempo ou no espazo, de todos eses factores. Porén, de se producir esa confluencia, como ocorre, nesas vinte e catro horas, para alén dos antecedentes, o desenlace é lóxico, críbel e explicábel nunha vida como a dos protagonistas nun contexto de opresión e represión como o que a novela mostra. Con efecto, A esmorga é unha novela filosoficamente materialista.

A caracterización socioeconómica, e tamén psicolóxica, dos tres personaxes centrais, O Castizo, O Milhomes e O Bocas, leva aparellada, en cada caso, unha orientación sexual. Iso, en certa maneira, convérteos en arquétipos de condutas sexuais universais, non?

A vertente sexual ou, mellor, psicosexual, da novela, é realmente tan clara como rechamante e significativa, moi esclarecedora. Podemos falar de símbolos, arquetipos tamén, neste aspecto. Foi, desde logo, no seu tempo un grande atrevemento  introducir as distintas actitudes sexuais como elemento central, tratando tamén a homosexualidade, desde unha perspectiva social e psíquica. Hoxe non resulta difícil, relendo a novela, sentirse impelido a entrever nunha relación sadomasoquista como a que teñen O Milhomes e O Bocas a violencia que sacude a convivencia de moitas parellas home/muller con ou sen matrimonio…Por suposto, tamén palpamos na discriminación e na burla social a causa do binomio atracción/repulsión que condiciona a actitude que algunhas relacións expresan…

Finalmente, cal é a importancia d´A esmorga no sistema literario galego?

A literatura galega ten algunhas moi boas novelas, no segundo renacemento, que expresan, de forma indirecta ou lateral, a dinámica dunha sociedade colonizada. A esmorga, a comezos da segunda metade do século XX, é, na súa propia estrutura e esencia, a novela da opresión colonial, e da capacidade para denunciala de forma artística.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios