Francisco Pillado, Republicano de Honra 2017

O escritor, xornalista e editor vén de ser elixido Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e será homenaxeado ao longo de todo o mes en diversos actos. 

Francisco Pillado Maioir nunha imaxe de marzo deste ano
photo_camera Francisco Pillado

Esta asociación elixiu a Pillado na súa asemblea por unanimidade "pola súa insubornable e constante defensa dos valores republicanos e polo seu labor en prol da recuperación histórica". Pillado únese así á nómina de persoeiros recoñecidos con ese galardón, como o guerrilleiro Camilo de Dios, Isaac Díaz Pardo ou a investigadora Aurora Marco. 

Mañá terza feira será presentado en rolda de prensa na libraría Moito Conto da Coruña e logo terá lugar unha homenaxe á súa figura na Escola de Relacións Laborais da Coruña ás 12 horas, coa presenza de Julio Abalde, reitor da UDC, Jesús A. Vázquez, director da ERLAC, e Fernando Souto, presidente da CRMH, ademais do propio Pillado. 

Ademais, Pillado será protagonista doutros actos, como outra homenaxe no Círculo de Artesáns da Coruña para recoñecerllle o seu labor editorial e teatral. Será unha conversa do autor con Xosé Luna e Henrique Rabuñal o  18 de abril. Alén disto, será recibido polo Concello da Coruña o 17 e pola Deputación o 20 de abril; e ofrecerá un relatorio na Academia Galega o mesmo día, con intervencións do presidente e da profesora Pilar García Negro. 

Tamén haberá unha ofrenda floral no Memorial Xermolos o 21 de abril e unha "Cea da República" no Hotel Meliá María Pita esa mesma xornada. 

Home da cultura

Xornalista, editor, escritor e activista cultural, Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941) ten publicado ensaio, teatro e numerosas traducións. Tamén editor en Laiovento, tense dedicado principalmente ao teatro, tendo dirixido Cadernos da Escola Dramática Galega e outras publicacións do ámbito. 

Comentarios