Francisco Macías, “A obra de Vidal Bolaño tería que facer repensar as políticas editoriais e o sistema literario”

Que unha editorial de pequena dimensión decidira hai tres anos publicar a Obra Completa de Roberto Vidal Bolaño pon en cuestión a política editorial e o sistema literario. Quen isto pensa é Francisco Macías, o creador de Edicións Positivas, un selo que descubriu a Lois Pereiro en vida  -anterior Día das Letras- e agora ten nas librarías dous dos seis volumes que integrarán a Obra Completa de Vidal Bolaño. Para Francisco Macías, por vez primeira o Día das Letras descobre un autor de dimensións inmensas e fai mesmo cuestionar a nosa historia literaria. 

Paco Macías
photo_camera Paco Macías

-Que descobre a Obra Completa de Vidal Bolaño?

Estou a recibir opinións de moita xente que me di que están descubrindo un autor como a copa dun pino, un autor inmenso. A publicación da súa obra podería facer repensar as políticas editoriais e o sistema literario. Manter un autor como Roberto case oculto di moi pouco do noso sistema literario. Topei mesmo con xente moi enfadada por non ter lido este autor, por non o ter atopado e saber del só agora. É a primeira vez que a Academia descobre un autor. No caso de Lois Pereiro, a conmemoración foi moi popular, mais non foi unha descuberta.  A figura de Roberto era moitas cousas, director, actor, iluminador, dobrador... pero a xente está descubrindo un autor. Ten mérito a Academia, a que o escolleu.  

-Como explica ese ocultamento da súa obra, até agora case nada publicada e moi difícil de atopar?

Roberto sigue sendo moi incómodo, o que di moi pouco a favor da cultura galega, que non se asuma a como un gran autor. Hai que ser autocríticos e recoñecer que isto é así. Vén dado tamén polos prexuízos que temos polos dramaturgos, que son escritores de segunda. Trátase dunha eiva que había que eliminar. Por outra parte, Roberto era un tipo moi independente. A xente na cultura funciona por capelas, e el era un home libre. Aínda hai medo a súa literatura, eu creo que é porque quen a le se asombra. Roberto falaba do presente, non tiña que diferenciarse da realidade, do que estaba a acontecer. Non hai ningún autor da literatura galega que se ocupara tanto do que estaba a pasar, do presente, da decadencia da sociedade na que vivimos. 

"Ninguén na nosa literatura se ocupou tanto do que estaba a pasar, do presente, da decadencia da sociedade na que vivimos".

-Ese retrato da sociedade contemporánea pode continuar a ser incómodo?

Escribiu trinta obras de teatro e guións e sempre falaba do presente. Nalgunha delas, como en Doentes falaba do pasado e no fin mesmo apuntaba que estaba a retratar a Compostela daqueles anos, “ou destes” escribía.  Neste aspecto é un caso único na nosa literatura. Despois ten ese humor particular de quen fala de nós mesmos, na súa obra veste reflectido. En Criaturas hai unha panda de monstros que el humaniza porque os impresentábeis son os que temos na casa, os que oímos na barra do mar, somos todos. É fácil falar dos monstros dos anos trinta, pero hai que ser moi valente para falar dos que están a nosa beira Sabía que o teatro ou molesta ou non é teatro. Para crear cun humor como o del hai que poñerlle valor e esa sociedade sigue sen estar preparada para este tipo de autores. 

-A Obra Completa sorprende tamén pola súa dimensión. Positivas só publicou polo de agora dous volumes. Faltoulles tempo para chegaren ao Día?

A obra conta con seis volumes, cada un cunha media de 350 páxinas. Por que non se fixo antes? Nós empezamos hai tres anos a preparar a Obra Completa e a declaración pillounos cando levabamos xa tempo traballando. En principio valoramos a posibilidade de apurar o ritmo de traballo mais logo decidimos seguir cos tempos que tiñamos previsto. Para nós é un proxecto importante. 

 "No mundo editorial buscas os ocos e atopas buracos inmensos".

-Coa obra de RVB na man, como explica que sexa un selo como Positivas a que a publique e non os máis potentes do noso panorama editorial?

Pola calidade e a dimensión do autor non entendo como os que van de grandes non o fixeron antes. Se non saíu publicada a obra de Vidal Bolaño é porque é un autor incómodo e desfaríase o canon literario establecido. Os prexuízos ideolóxicos, escénicos e aos autores teatrais influíron. Para os autores de teatro tamén é certo que o libro é secundario. Idean os textos pensando no escenario e aí xa comeza a primeira eiva para seren considerados escritores de primeira

-Para Positivas este é o proxecto editorial de maior dimensión. Por que deciden afrontalo?

Digamos que é distinto do que fixemos, mais os novos tempos obrigan a facer cousas diferentes e a arriscar. Tes que buscar os ocos que quedan porque non podes competir. Buscas os ocos e atopas buracos inmensos. E aí está Roberto. Coñecino antes no teatro, na obra Rastros que ver na Nasa e descubrín un autor inmenso. Detrás dunha obra como As actas escuras hai un traballo literario excepcional. 

-Levou a obra de Roberto a Portugal. Como foi recibida?

Presentámola en Portugal, en Barcelona e agora imos a Suíza. Na Galiza a ver se a podemos presentar na Academia.... digo eu, polo menos, que nolo propuxeran!!!! A obra está editada pola persoa que ten un coñecemento máis profundo da escrita de Roberto, que fixo unha tese de doutoramento sobre a súa obra, Xosé Manuel Fernández Castro. En Portugal, era xa coñecido porque traballara alí no teatro e o recibimento foi estupendo.

"A obra de Roberto ten un percorrido longo. Outros están a pensar que van facer cos libros despois do 17"

-Vostede non apresurou o día para chegar con todo pronto ao 17 de maio mais, valora que hai moito ruído editorial arredor da data?

Son parte implicada mais, ás veces, nótase premurano traballo de moitas editoras. Non este ano particularmente, senón sempre. Hai unha produción excesiva que non se corresponde coa demanda, é o mundo ao revés. Non creo que se demande todos eses títulos tan repetitivos. Nós temos ganas de que pase o día para seguir traballando tranquilamente a obra de Roberto. Outros teñen o sentimento contrario, que vai ser de nós a partir do 17, que faremos cos libros. Nós estamos convencidos de que a literatura de Roberto ten un percorrido longo. A partir de agora, ninguén vai poder obviar a obra de Roberto Vidal Bolaño. É un monstro pero non hai que ir con premuras. 

-Considera que o aniversario de Cantares Gallegos está a ocultar a celebración e Vidal Bolaño?

Non quero ser mal pensado, mais repito que Vidal Bolaño aínda hoxe é incómodo. El fixo unha obra que é Agasallo de sombras con Rosalía como protagonista. Púdose facer unha edición conxunta para unir estes dous personaxes e non se fixo. 

Comentarios