Francisco Castro: "Vivimos nunha sociedade machista e patriarcal, hai que dicilo con total claridade"

Esta semana chegou ás librarías Isto SI é un home, o primeiro ensaio de Francisco Castro, escritor e director xeral da Editorial Galaxia. No libro o autor sinala a sociedade patriarcal e o machismo desde a súa propia condición de varón. En conversa con Nós Diario reflexiona sobre a revolución feminista e as razóns que ten para apoiala.  
O escritor e director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, nunha autofoto (Foto: F. Castro).
photo_camera O escritor e director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, nunha autofoto (Foto: F. Castro).

Primeiro ensaio e moi persoal. Por que falar de feminismo?

Eu levo falando de feminismo moito tempo. Escribín moitos artigos reivindicándome como home feminista. Nos meus libros os meus personaxes masculinos son o que se adoita chamar "masculinidades moi disidentes". Homes que se apuntan ao bo trato. Homes que están concienciados da necesidade de traballar xunto coas mulleres por un mundo en igualdade.

Ao mesmo tempo, nos últimos anos dei moitas charlas sobre esas outras masculinidades. Entón, pensei que era interesante tentar sistematizalo, partindo desde a experiencia persoal e dunha maneira moi divulgativa, reflexionar sobre a miña educación patriarcal, a miña toma de conciencia dese patriarcado que vive dentro de min e que segue moi presente. 

Hai que loitar todos os días contra ese virus que nos meteron dentro sen vacina nin nada. Ademais, creo que é interesante que homes que temos unha certa presenza e voz pública a poñamos a favor do que é, probabelmente, o movemento revolucionario máis importante no que vai de século XXI: a forza do feminismo militante e con vocación de transformación do mundo. 

Coincide en que vivimos nunha sociedade machista?

Vivimos nunha sociedade machista e patriarcal, hai que dicilo con total claridade. Se preguntas a Santiago Abascal vai dicir que non. Agora mesmo temos unha forte reacción patriarcal. Que haxa 52 deputados de Vox é unha maneira incontestábel de mostrar a forza do machismo.

Ese partido ten tres ideas básicas: unidade de España, sexa iso o que sexa, inviolabilidade das fronteiras e loita contra o feminismo. Polo tanto, unha das súas tres patas ideolóxicas é o antifeminismo. 

Que exista un partido votado por millóns de persoas que ten como un dos seus alicerces a loita contra o feminismo é a demostración de que esta sociedade nosa é profundamente machista.

Cal é a razón de que moitos homes non dean ese paso que explica no libro?  

Hai moitos factores. En primeiro lugar, é moi difícil renunciar aos privilexios. Nós somos a parte privilexiada polo feito de nacermos homes e polo tanto custa renunciar aos privilexios. Non coñezo moitos ricos que falen mal do capitalismo, están moi cómodos nese sistema.

Despois por unha cuestión, no fondo, de ignorancia. Hai moitos homes que consideran que o tema da explotación sexual é algo que teñen que solucionar as mulleres. Cren que o machismo teñen que solucionalo elas, que a desigualdade é unha cuestión que compete ás mulleres. E non. Falo no libro, basicamente, da decencia. O que explico é que unha persoa decente é feminista.

O feminismo é a ideoloxía que promulga a igualdade entre homes e mulleres. Polo tanto, quen non sexa feminista non cre nunha sociedade igualitaria e iso é indecente. Por que os homes non dan o paso? Por levar o patriarcado dentro.

A responsabilidade neste tema é da sociedade e das Administracións?

Hai unha interpelación á cidadanía para que saia dese sono feliz que é o patriarcado para os machistas. Logo están tamén as institucións. Aí vese ben o triunfo do feminismo. Hoxe non hai ningún partido que se atreva a definirse como machista abertamente. Polo 8-M, agás os trastornados de Vox, todo o mundo en Concellos, Deputacións e outras Administracións fan actos e lense manifestos.

O feminismo conseguiu que, polo menos, pareza que lles preocupa a cuestión. Se permitimos que un partido claramente antifeminista ocupe as institucións iremos cara a atrás. Todo o que as feministas gañaron pódese perder. Está todo relacionado, sociedade e Administracións. Os políticos de Vox non chegan ao poder a través dun golpe de Estado... é a cidadanía quen os pon aí. Temos moito que traballar.

Comentarios