Francisco Castro substituirá Freixanes á fronte de Galaxia

O Consello de Administración de Galaxia, que aínda non rematou a estas horas, vén de aceptar a renuncia do até o momento director de Galaxia, Víctor Freixanes, e de nomear -por unanimidade- o seu substituto.

castro-freixanes
photo_camera Víctor Freixanes e Francisco Castro [Foto: Galaxia]

O novo responsable executivo da editorial será o escritor Francisco Castro, que ocupaba o posto de director de Comunicación da empresa. Castro (Vigo, 1966) é un dos máis prolíficos narradores da literatura galega actual, tanto para adultos como en novela infantil e xuvenil, alén de coleccionista de premios: Lueiro Rey, Blanco Amor ou García Barros, entre moitos outros. 

Esta tarde o Consello de Administración de Galaxia aceptou a renuncia como director de Víctor Freixanes, tal e como anunciou onte Sermos Galiza, por mor da súa xubilación e para dar paso a un relevo xeracional na empresa, aínda que xa hai tempo que non levaba a xestión do día a día da editorial. Iso si, seguirá ligado á empresa tanto na súa condición de conselleiro como na presidencia da Fundación Otero Pedro e na dirección da revista Grial. 

Nos último anos, en plena crise, Freixanes liderou a internacionalización de Galaxia, creando un selo de literatura galega en español, Mar Maior. 

Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) iniciou a súa carreira profesional no xornalismo, sendo pioneiro en introducir o galego en Radio Popular de Vigo. Logo foi director de Xerais entre 1989 e 1993, sendo fichado a continuación por Alianza Editorial, onde permaneceu de 1994 a 1998. Volveu a Galiza como profesor de Xornalismo da USC e en 2002, logo do pasamento de Carlos Casares, asumiu a dirección de Galaxia. Nos último anos, en plena crise, Freixanes liderou a internacionalización de Galaxia, creando un selo de literatura galega en español, Mar Maior

Paralelamente, levou adiante unha destacada carreira como narrador, que iniciou máis próximo ao xornalismo con 'Unha ducia de galegos' (1976) e 'Memoria dun fuxido' (1980). O seu paso á literatura prodúcese ao gañar o Modesto R. Figueiredo en 1978 con 'A caza de cascudas'. Logo viría 'O triángulo inscrito na circunferencia' (1982), co que acadou o premio Blanco Amor, e posteriormente publicaría 'O enxoval da noiva (1988), 'A cidade dos césares' (1993) e 'Cabalo de Ouros' (2010).

Comentarios