Contracultura

Francisco Calo: "Alguén terá que facer un libro sobre a Galiza parecido a este que eu fixen sobre España"

Francisco Calo, profesor e catedrático de Xeografía e Historia, vén de publicar 'A historia de España baseouse en falacias' (Xerais), onde realiza unha crítica á historiografía do Estado español. Calo aborda a construción da historia en base a ideoloxías e intereses, xa que, como el di, "a historia que se explicaba non cadraba".
 
Francisco Calo defende que a ideoloxía non debe condicionar o rigor científico. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Francisco Calo defende que a ideoloxía non debe condicionar o rigor científico. (Foto: Nós Diario)

—Por que decidiu escribir A historia de España baseouse en falacias?
Podería dicir que comecei a escribilo nos anos 70, cando aprobei unhas oposicións e comecei a dar clase en bacharelato. Desde o primeiro día, procurei estar totalmente ao día do que estaba a pasar na historia, porque non é como as ciencias experimentais. O que eu estudei en bioloxía segue a ser válido, aínda que se sabe moito máis; mais moito do que eu estudei de historia xa non se pode dicir porque non era certo. 

A historiografía renovouse desde finais dos 60 e coa desaparición aparente da ditadura -porque desapareceron os tempos francamente franquistas e quedaron só en franquistas- abriuse algo novo no mundo da historia. Comezaron a xurdir novas formulacións da historia de España.

Nunha temporada na que me dediquei a escribir mensualmente para Terra e Tempo, fixen seis artigos nos que falaba destas falacias e xa daquela había persoas que me recomendaron convertelos nun libro. Digamos que a xénese deste libro que se publica agora foi ese algo que me fixo ver que a historia que se explicaba non cadraba, que non tiña sentido, e que comezou cando eu me convertín en profesor. 

—Ao final, é esta idea de que a historia a escribe quen vence, non?
É quen está aí. Ao resto non lles deixan escribir e en ocasións nin respirar, porque están baixo terra. Isto non quere dicir que non chegue un momento no que saia á luz que iso que se escribiu non era verdade. Chega tarde para quen viviu todo aquilo, mais acábase sabendo. 

Que as persoas da política sexan ignorantes en cuestións de historia e metan a zoca dunha maneira tan vergoñenta dicindo cousas como que ‘España é a nación máis antiga de Occidente’ cabrea. Pero cabrea moito máis ver que toda a historiografía fora construída por historiadores e historiadoras, porque tiña unha intencionalidade, como a segue a ter hoxe en todos os países. 

As historiadoras e historiadores temos unha ideoloxía. Para que non haxa discusión, no libro confeso directamente que eu son nacionalista galego, mais isto non me obnubila nin me impide ver que inclusive a nación que hoxe se está querendo facer da Galiza non me está gustando moito. Algún día, alguén terá que facer un libro sobre a Galiza parecido a este que eu fixen sobre España, porque se están dicindo cousas máis movidas polo amor á terra que polo rigor científico.  Por exemplo, até o século XVIII tan España era Portugal como o eran Castela ou Aragón.

Non era máis que un concepto xeográfico, que realmente era Hispania e por iso utilizo este termo, mais inclusive no Tratado de Utrecht houbo unha reclamación do embaixador portugués criticando que os de Castela monopolizaran o nome de España, porque España tamén eran eles. E unha das críticas que eu fago é que, sendo conscientes de que hai que falar de Hispania e non de España, historiadores e historiadoras falan da Galiza, en lugar da Gallaecia ou, en todo caso, de Yilliqiyya, como lle chamaban os musulmáns. 

—É un libro sobre a historia do Estado español?
É unha crítica á historiografía española. Indirectamente, iso lévate a reconstruír a historia, por exemplo cando falo de A rendición de Breda (Velázquez), sobre o que se din barbaridades porque, na súa maioría, as tropas non eran españolas. Tamén falo dunha cousa que non se mencionaba cando eu estudaba. 

Dise moito que os Reis Católicos unificaron España, mais Fernando II, despois de enviuvar, casou cunha rapaza nova coa intención de ter un fillo ao que deixar o reino de Aragón. E el tivo que marchar de Castela, entre outras cousas, porque a nobreza pedía que se largara “o vello aragonés”. Vaia unidade que había. Mais isto non se conta porque non cadra coa historia que se quere vender. 

Comentarios