Francisco Antonio Vidal gaña o III Premio Laudamuco para textos Teatrais coa obra ‘A vinganza de Fortimbras’

O certame, que promove a figura de Vidal Bolaño, foi convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas e contou coa participación de 47 obras.

1024px-Francisco_A._Vidal_(AELG)-1
photo_camera (Foto: AELG Santos Díez e Eduardo Castro Bal cunha licenza CC-BY-SA 3.0)

Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira. Ribeira, 1957) é o gañador da terceira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, nado na Bouciña (Palmeira), concorreu ao certame coa obra ‘A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco, que recaeu no escritor e etnógrafo coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco”.

O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame.  

O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.

Segundo a acta do xurado, A vinganza de Fortimbras é “unha precuela que vén dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é  fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”.

Francisco Antonio Vidal Blanco é escritor e etnógrafo. Desde 1977 colabora con distintos medios xornalísticos con artigos de temática variada, desde a etnografía até a ciencia: A Nosa Terra (1980-2003), O Correo Galego (1999 a 2000), El Periódico de Arteixo (2003) e La Voz de Galicia (desde 2005). Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios (tres deles sobre a figura de Manuel Murguía) e unha peza teatral infantil-xuvenil “A serea (2006, Fervenza). 

Comentarios