A francesa Annie Ernaux, Nobel de Literatura 2022: "Seguirei escribindo para loitar contra as inxustizas"

A combativa escritora recibe un premio que non agardaba co "compromiso" de defender os dereitos da muller "até o derradeiro suspiro".
Annie Ernaux, gañadora do Premio Nobel de Literatura 2022. (Foto: Europa Press)
photo_camera Annie Ernaux, gañadora do Premio Nobel de Literatura 2022. (Foto: Europa Press)

A escritora francesa Annie Ernaux é a galardoada este ano co Premio Nobel de Literatura, segundo anunciou a Academia Sueca esta quinta feira. O xurado destaca que Ernaux, autora de máis dunha trintena de obras, examina de maneira consistente e desde diferentes ángulos "unha vida marcada por fortes disparidades en canto a xénero, idioma e clase".

O secretario permanente da Academia, Mats Malm, detallou tras o anuncio que Ernaux cre manifestamente "na forza liberadora da escritura" e destacou que a súa obra "está completamente subordinada ao proceso do tempo". "O seu traballo é intransixente e está escrito nunha linguaxe sinxela, limpa", recoñeceu. Ao mesmo tempo, as e os académicos salientaron que a súa literatura revela "a agonía da experiencia de clase", describindo a vergoña, a humillación, os celos ou a incapacidade de ver quen es. "Logrou algo admirábel e perdurábel", engadiron.

Annie Ernaux naceu en Lillebonne (Francia) en 1940 e medrou en Normandía. O traballo de memoria que trata sobre a súa contorna rural apareceu cedo como un proxecto que tentaba ampliar os límites da literatura máis aló da ficción no sentido estrito. A pesar do seu estilo clásico e distintivo, declara que é unha "etnóloga de si mesma" máis que unha escritora de ficción.

A súa obra narra pasaxes desde a infancia até a súa familia

Así o demostrou cando abandonou as obras de ficción polas autobiográficas, polo que comezou a narrar historias da súa vida, pasando desde a infancia até a súa familia, e sen esquecer o seu matrimonio ou o cancro de mama que padeceu. O debut de Ernaux foi Les armoires vides (1974) e xa neste traballo comezou a súa investigación sobre o seu pasado normando, pero foi o cuarto libro, La place(1983; A Man's Place, 1992), o que lle outorgou o seu grande avance literario, como recoñece a Academia.

En só un centenar de páxinas realizou un retrato desapaixonado do seu pai e de todo o medio social que o formaba fundamentalmente. Aliás, a escritora inseriu reflexións sobre a súa escritura, onde se distancia da "poesía da memoria" e avoga por unha escritura plana que, en solidariedade co pai, evidencia o seu mundo e a súa linguaxe.

Con todo, tamén hai unha importante dimensión política na linguaxe de Ernaux, pois a súa escritura está sempre ensombrecida por un sentimento de traizón á clase social da que parte. "Escribir é un acto político que nos abre os ollos á desigualdade social", destacou a Academia. E para iso, a escritora utiliza a linguaxe como "coitelo", como ela deu en chamalo, para desgarrar os veos da imaxinación.

O seu último libro, Le jeune homme, foi unha obra moi admirada en Francia, e nel conta o modo distanciado e impersoal da terceira persoa, unha vida, a propia, coa evolución do mundo ao longo dos anos.

Unha loitadora nata

"As miñas obras son libros, por exemplo, para que as mulleres poidan decidir se queren ser nai ou non, que é un dereito fundamental. Non me parece que nós, as mulleres, chegásemos a ser iguais en liberdade e en poder aos homes, pois sempre existe esta dominación", manifestou, após coñecer a decisión do xurado malia que ela "non quería" o Nobel.

O premio, dixo, supón unha "responsabilidade asumida", e Ernaux comprometeuse a "seguir escribindo para loitar contra as inxustizas". Na mesma liña, enxalzou o movemento feminista e afirmou que pelexará na defensa dos dereitos da muller "até o derradeiro suspiro".

Comentarios