Fran Alonso: "Necesitamos que a Xunta nos acompañe nas nosas accións"

Os futboleiros máis irredentos atoparán unha extraordinaria analoxía entre o caso de Fran Alonso (Vigo, 1963) e o de Luís Aragonés. O Sabio de Hortaleza un bo día tivo que deixar o fútbol e comezar a adestrar a petición do seu clube, igual que Alonso tivo que aparcar a súa carreira como escritor para dirixir os destinos da Editorial Xerais. 
Fran Alonso (Foto: Xerais)
photo_camera Fran Alonso (Foto: Xerais)

—Imos camiño dos dous anos do seu nomeamento como director de Xerais. Tan só uns días despois foi vostede entrevistado polo meu compañeiro Daniel Salgado, ao que recoñecía que o “reto máis inmediato é que a editorial continúe navegando”. Obxectivo conseguido?

Si, o obxectivo está conseguido. De todos os xeitos, seguimos no proceso de adecuarnos aos novos tempos, pois a editorial ten unhas estruturas propias dun tempo que xa non é, por iso aínda me dou marxe para intentar acomodar Xerais a este tempo novo que require novas dinámicas, mais é un proceso lento que non se pode facer dun día para outro. 

—Segue tendo Xerais, como insinuaba na devandita entrevista, unha estrutura un tanto “anquilosada”? 

Tiña unha estrutura pensada para un cadro excesivamente grande e que hoxe xa non existe, porque é imposíbel de manter. Os tempos son outros, moi distintos, onde os cadros son máis reducidos, pero aínda quedan estruturas pensadas para esa época xa pasada, non tanto por anquilosamento, senón por perda de capacidade para reaccionar ante determinadas cousas, polo que debemos seguir adecuando esas estruturas.

—Cal é o estado de saúde de Xerais a día de hoxe?

É bo. Acabamos 2019 razoabelmente ben, e eu son optimista e positivo con respecto ao futuro. Tamén hai que ver como vai evolucionando ese futuro, non só con respecto á editorial, senón a todo o libro galego, porque é certo  que ás veces cando  vemos as cifras de vendas, e non falo da facturación, senón do número de exemplares, é desacougante. Hai libros excelentes que teñen unas vendas baixísimas, o que nos devolve á realidade e fainos ver en que contexto nos movemos e a forma en que nos acolle a sociedade á que nos diriximos, o que nos remite, ao problema da lingua. 

—Incidiremos nese punto máis a fondo na entrevista coa directiva da Asociación Galega de Editores, da que vostede forma parte, e que publicaremos este sábado no suplemento Sermos Galiza, mais, considera que a falta de apoios por parte dos poderes públicos, en xeral, e da Xunta da Galiza, en particular, está a acabar lentamente co sector?

O apoio á lingua é vital, porque os nosos libros están en lingua galega, e se non hai falantes en lingua galega, evidentemente non vai haber lectoras en galego. Logo, resulta fundamental, tamén, a cuestión do acompañamento. Necesitamos que a Xunta nos acompañe nas nosas accións. Non se trata só dunha cuestión económica, senón tamén de acompañamento moral, intelectual... Se queremos avanzar necesitamos, tamén, estar avalados polas nosas institucións. E hai outro punto que me parece moi importante: falo do apoio arredor do ámbito do libro en lingua galega, ás librarías que poñen o libro galego nos escaparates, á crítica e aos medios de comunicación que apostan pola lingua e polo libro no idioma. É dicir, hai que acompañar, tamén economicamente, non tanto ás editoras, senón a toda esa contorna que necesitamos para desenvolver o noso traballo e para achegar o libro galego o público. Eu estiven hai anos en Gales, e as diferenzas son abismais. Chama a atención o intensísimo apoio que tiñan no ámbito promocional a todo o mundo do libro en lingua galesa. Iso é algo que nunca se fixo aquí e que debemos reclamar con forza.

—Conserva Xerais a súa autonomía con respecto a Anaya?

Si, absolutamente. O que nos piden é que a editorial non dea perdas, que sexa rendíbel, pero iso xa o sabemos por nós mesmos, porque hoxe en día unha editorial que dea perdas non é viábel. Polo demais, temos absoluta independencia para elaborar o noso plan editorial e tomar as decisións que nos parezan oportunas. Hoxe en día hai unha concentración importante no mundo editorial, mais Xerais ten o seu propio espírito desde a súa fundación, e non ten por que cambiar.

—A derradeira pregunta toma un cariz un pouco máis persoal. Na súa web, Fran Alonso segue a definirse como escritor, mais vai para dous anos que non actualiza con novidades a sección Libros. Que queda do escritor? Foi fagocitado polo editor? 

En boa parte si, foi fagocitado (ri). Nestes case dous anos o meu nivel de dedicación foi tan intenso que non fun quen de facer nada.  O cambio foi un proceso complexo que requiriu unha dedicación importante, porque como é algo que non esperaba obrigoume a deixar de lado todo o labor creativo, mais espero no futuro poder recuperar o Fran Alonso escritor. 

Comentarios