O autor de "Scórpio", eterno aspirante

Sen sorpresas na RAG: Fraguas imponse a Carvalho Calero

Máis unha vez Ricardo Carvalho Calero non será protagonista do Día das Letras Galegas. Impúxose ao autor de Scórpio Antón Fraguas, historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo que foi membro de entidades culturais como o Seminario de Estudos Galego e de institucións como a propia Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega. Foi director do Museo do Pobo Galego.

antonfraguas
photo_camera [Imaxe: Xunta] Antón Fraguas

O plenario da Real Academia Galega que este sábado decidía entre Antón Fraguas e Ricardo Carvalho Calero a figura homenaxeada co Día das Letras 2019 rematou sen sorpresas: o "galego popular" do de Cotobade impúxose ao reintegracionismo do ferrolán.

Precisamente, o "galego popular" foi salientado pola Academia na rolda de imprensa en que se anunciaba o resultado e que tivo lugar 30 minutos máis tarde da hora de convocatoria. Amais diso, púxose de manifesto o seu labor como estudoso da cultura galega, a recuperación da voz do pobo a través do seu traballo de investigación e a súa actividade "como escritor e falador en galego".

En palabras de Víctor Freixanes, presidente da RAG, "a Academia este ano escolleu a reivindicación da memoria popular, da cultura e a lingua do pobo, que se fala desde abaixo". Caracterizou Antón Fraguas como "unha das persoas que máis tempo dedicou a recoller, sistematizar e coñecer esa riqueza que foi onde a lingua resistiu durante séculos".

Biografía

Destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo, Antón Fraguas naceu na parroquia de Loureiro (Cerdedo-Cotobade) en 1905. Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos –sería un dos protagonistas da transformación do Seminario de Estudos Galegos no Instituto de Estudos Galego Padre Sarmiento-, como etnógrafo encetou o estudo dos costumes ao redor do entroido galego. "A biografía de Antón Fraguas é un percorrido por boa parte da historia galega do século XX", indica a Academia nun comunicado de imprensa.

Licenciouse en 1928 e un ano após iniciábase na docencia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Logo do golpe de Estado de 1936 foi represaliado e depurado do seu posto de traballo. Tivo que desenvolver o seu labor como docente no ensino privado até que en 1950 recuperou a cátedra de instituto e puido doutorarse. Fíxoo na Universidade de Madrid cunha tese sobre o Colexio Fonseca. Xubilouse en 1975 no Colexio de San Clemente (actual IES Rosalía de Castro de Compostela).

En 1956 ingresou na RAG, onde ocupou a cadeira que pertencera a Castelao, co discurso Coplas, sobre as ruadas que se cantaban en Loureiro de Cotobade. A divulgación das cantigas no seu labor investigador foi outra das características salientadas pola Academia durante a conferencia de imprensa na rúa Tabernas.

En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, que en 1975 pasou a denominarse Museo do Pobo Galego. Tamén coordinou a sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega e foi membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias; correspondente da Real Academia de la Historia; da Associação dos Arqueólogos Portugueses e da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia, entre outros organismos.

Amais de ser recoñecido co Pedrón de Ouro en 1984 e coa Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego no mesmo ano, obtivo o Premio Trasalba en 1985; a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo. Tamén foi Premio das Artes e das Letras de Galiza, entre outros galardóns colleitados. O próximo ano fanse 20 anos do seu pasamento.

Na nota de imprensa, a RAG tamén expón que "nos tempos de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra". "Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con máis de trescentos libros e artigos de revistas, ademais de incontables anacos de xornais, nos que Galiza era o seu motivo esencial".  Tamén subliña que escribiu sobre xeografía, "cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao".

Dous finalistas

O 29 de xuño a Real Academia Galega informaba mediante un comunicado de imprensa que elixiría entre Antón Fraguas e Ricardo Carvalho Calero a figura recoñecida coa xornada grande das nosas letras. Con Fraguas xa son 55 os homes homenaxeados co Día das Letras Galegas fronte a tan só catro mulleres (Rosalía de Castro; Francisca Herrera; María Mariño e María Victoria Moreno).
 

Segundo puido saber Sermos Galiza, a candidatura de Fraguas foi impulsada polos numerarios Andrés Queiruga, Francisco Díaz-Fierros, Pegerto Saavedra e Salvador García Bodaño. A de Carvalho Calero, por Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato, Manuel Rivas Barrós, Xosé Luís Regueira e Euloxio Ruibal.


 

Carvalho Calero, o eterno candidato

CARVALHOPor sétima vez, o autor de Scórpio era elixido entre as persoas finalistas para ser protagonista do próximo Día das Letras. Téñense creado comisións populares de impulso á figura de Carvalho Calero ao respecto. “Sen desmerecer a ninguén, é tempo abondo de que sexan recoñecidos ao fin os grandes méritos do profesor Carvalho Calero por unha academia na que ingresara o 17 de maio do 1958”, sinalaba a comisión que impulsou a candidatura no ano 2016, “somos teimudos”, engadía, “máis de 26 anos andados do seu pasamento, non pode continuar, en xustiza, unha das ausencias máis clamorosas e inxustas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país”.

Este ano a candidatura do profesor ferrolán contaba co apoio de entidades como a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. A asociación dirixiuse o 4 de xullo á academia para que “salde unha débeda de tantos anos con tan ilustre galego” e para dedicar o Día das Letras 2019 a Carvalho Calero, pois “de facelo así moitas serán as persoas e asociacións que ao longo do país celebrariamos esta decisión”.

A Sociedade Cultural Medulio é outra das entidades culturais de base que teñen loitado por recoñecer a figura de Carvalho Calero. Precisamente, foi a primeira en organizar en 1982 unha homenaxe nacional ao autor en recoñecemento do valor intelectual e estético da súa obra e pola dignidade da súa conduta, que o condenou “ao ostracismo” por parte das institucións culturais oficiais, en palabras da asociación.

CARVALHO 2Medulio ten denunciado publicamente “a teimosía destas institucións, especialmente a Real Academia Galega, en manter nese ostracismo a figura e obra de Carvalho Calero polo simple feito de discrepar da política lingüística que tanto dano fixo e está a facer á nosa lingua e por manter unha actitude crítica respecto do réxime instaurado en 1978”, pois o intelectual entendía que non respondía a “un modelo democrático xenuíno” e que non daba resposta ás necesidades do pobo galego.

Tamén se ten pronunciado na mesma liña a Fundación Artábria. Nun recente chío en Twitter, salienta que "após anos de despreço Carvalho Calero nom precisa do reconhecimento da Academia Galega, cuja altura inteletual e compromisso ficam muito aquém do que caraterizou a vida do velho professor, o coerente inteletual ferrolano, galego e universal".

Este ano tamén se posicionou a favor de Carvalho Calero como protagonista do Día das Letras de Galegas o PSOE de Ferrol, que emitiu un comunicado de imprensa no que lembra as mocións presentadas por unanimidade no concello para que a RAG homenaxee quen foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega na USC. Tamén o BNG, que cada ano realiza actos de conmemoración da figura de Carvalho Calero, ten reclamado en numerosas ocasións o recoñecemento ao intelectual co Día das Letras. Na cidade de Ferrol proliferan cada ano numerosas lembranzas a Carvalho Calero.

[As imaxes que ilustran o interior do texto son de @tawil e de @xmtorne]

Comentarios