SALETA GOI ESTARÁ PRESENTE 

Foz homenaxea a Manuel María 

A Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz acollerá o vindeiro 18 de marzo un acto de homenaxe e lembranza ao autor que lle dá nome coincidindo co 50 aniversario do seu libro “Versos frolecidos en louvanza a Foz”.

manuelmaria-foz
photo_camera Acto de nomeamento de Manuel María como socio de honra da asociación A Pomba do Arco

O acto realizarase baixo o título de “Compañeiro de ronseis floridos” parafraseando uns versos recollidos no citado poemario pero facendo ao mesmo tempo referencia á relación de Manuel María con Foz. Está organizado pola Asociación Cultural “A Pomba do Arco”, da que Manuel María foi o seu primeiro socio de honra, e polo Concello de Foz.

Na homenaxe estarán presentes Suso Fernández, cronista oficial de Foz e amigo do poeta; Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, e Saleta Goi, viúva de Manuel María, que tocarán diversos aspectos da vida e da obra do poeta e de xeito moi particular a súa relación con Foz e coas terras da Mariña. Asemade, o músico Arcadio Mon presentará diversos temas compostos sobre poemas de Manuel María, entre os que destacan catro composicións que teñen como base outros catro poemas dos “Versos frolecidos en louvanza a Foz” e o Clube de Lectura Infantil “A Pombiña” dramatizará a peza de teatro de Manuel María “O Auto do Raboces”. O acto rematará coa intervención dun representante da Asociación Cultural e do Alcalde Foz.

“Os versos frolecidos en louvanza a Foz” foron dados a coñecer no marco dos primeiros xogos florais da costa luguesa, celebrados nesta vila en agosto de 1966, nun acto mantido polo tamén poeta Eugenio Montes e publicados un ano máis tarde pola libraría Bahía de Foz. Manuel María, ao longo dos poemas deste libro, canta a paisaxe focega, viaxa por diversos lugares da vila e das parroquias, dialoga cos veciños e veciñas de Foz, lembra aos seus fillos ilustres e mesmo se converte nun poeta mariñeiro.

“O Auto de Raboces” é unha obra teatral en verso que se daba por perdida. Manuel María escribiuna en 2001 por encargo do “Grupo Coto de Faro” de Nois e que foi representada ese mesmo ano nas festas patronais da referida localidade. Nesta obra o autor dramatiza unha vella lenda popular de Nois referida aos sucesos que lle acontecen a unha cuadrilla de veciños de Nois e Cangas cando volven da sega de Castela e se lles aparece un encanto na “Fonte de Raboces” e que permite achegarse ao mesmo tempo á nosa tradición etnográfica e denunciar a explotación dos galegos en Castela.  

Comentarios