A fotografía como lente do mundo

“Sentímonos orgullosos do tempo e esforzo que lle dedicamos á edición de cada un dos nosos libros para asegurarnos de que sexan fontes inesgotábeis de pracer e aprendizaxe fotográfica”, así se define na súa web a editorial Cousa Nostra. Un proxecto ambicioso que dá os seus primeiros pasos nun campo no que a autoedición está á orde do día.

All tomorrow parties, cousa nostra
photo_camera Imaxe de All Tomorrow Parties, un dos libros que compoñen a colección

Este sábado 15 de decembro, ás 19:00 na Casa da Cultura Vila Concepción (Cambre), terá lugar o acto de presentación desta editorial especializada en fotografía. No acto tomarán parte os editores Marcos Ferreiro e Alberte Sánchez; os autores da primeira colección, Simone Maestra, Luis Botana e Carolina Martínez e a secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas Zas.

Cousa Nostra nace da vontade de Ferreiro —creador da marca Zlick , que traballa a impresión Fine Art e a produción de vídeo e fotografía— e Sánchez —creador da marca Distrito Xermar, que traballa fotografía, deseño gráfico e asesoría gráfica—  de dar vida a unha editorial adicada á fotografía de autor en Galiza.

“Sabemos perfectamente que o mundo editorial non pasa polos seus mellores momentos, mais nós decidimos facer tiradas curtas. As primeiras ademais, van ser numeradas e asinadas polos autores, o que lle dá máis valor ao libro”, conta a Sermos Galiza Alberte Sánchez.

Así, o pulo para sacar adiante esta primeira colección serían os prezos económicos, “vinte euros para un libro de fotografía é un prezo bastante reducido” e o seu carácter artesanal.

Na era dixital, copada polo intrusismo laboral no ámbito fotográfico, o produto físico parece ofrecer unha diferenciación canto á calidade e accesibilidade das imaxes. “En Galiza, ano tras ano hai numerosos autores e traballos dunha inmensa calidade. Non queremos que eses traballos queden no esquecemento, queremos divulgalos o máximo posible”, din dende a editorial a Sermos Galiza.

En Galiza, ano tras ano hai numerosos autores e traballos dunha inmensa calidade

Os autores seleccionados son ben diferentes entre si. Simone Maestra, un italiano que leva moitos anos afincado na Coruña, ten unha visión colorida do mundo. O traballo que presenta, Prospekt Moscow, é unha retrospectiva personalista de Moscova. As imaxes de Luís Botana son, no entanto, máis escuras e reflexivas. A súa obra, Latexos, discorre sobre a fotografía como transmisora da imaxe retiniana. Por último, Carolina Martínez recolle en All Tomorrow Parties noites de festa e desenfreo baixo “un estado de ansiedade colectiva”.

Após estes tres primeiros artistas, esperan tirar do prelo catro ou cinco autores ao ano. Os puntos de venda e distribución serán as propias presentacións dos libros e a través da páxina web. Descartan a distribución tradicional porque demanda maiores tiradas, co que, din, perden o sentido orixinal artesanal da colección.


 

Comentarios