Fotografía para expandir o territorio: Galiza, Portugal, Brasil

“Territorio expandido” é a exposición de fotografía contemporánea galega, brasileira e portuguesa con que a área de Cultura da Deputación da Coruña inaugurou a Dársena da Coruña como espazo expositivo ao aire libre. O proxecto, ademais da mostra de 37 fotógrafos e fotógrafas, ofrece obradoiros, conferencias e un volume que mostra o encontro das tres culturas a través da imaxe.

territorioexpandido
photo_camera Presentación da exposición na Dársena

En pé de igualdade, a fotografía contemporánea galega, brasileira e portuguesa danse a man no proxecto Territorio Expandido que a área de Cultura da Deputación da Coruña instalou na Dársena da cidade, por vez primeira empregado como espazo expositivo. A mostra supón o encontro destas culturas non só por se tratar dunha mostra colectiva de 37 creadores e creadoras das tres procedencias senón tamén porque o  proxecto está ao coidado dun comisariado colectivo composto pola directora do festival Encontros de Fortaleza, Patricia Veloso, pola directora artística do festival Encontros da Imagem de Braga, Ângela Ferreira, e dos responsábeis do Outono  Fotográfico, Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez.
 
“Territorio Expandido é así máis que unha exposición colectiva de fotografía contemporánea na rúa, á pé do mar, senón tamén o lugar de encontro de tres culturas próximas, irmáns, mais, infelizmente, sen moitas pontes de comunicación entre elas, por iso nos compracemos en acoller este encontro que provén dos tres festivais de fotografía e confiamos en que desta iniciativa xurdan moitas máis como pontes de comunicación imprescindíbeis”, sinalou a responsábel da área de Cultura e Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín.  
 
“No proxecto,a  fotografía contemporánea toma a rúa, fóra dos habituais espazos expositivos, para sorprender e facer reflexionar, atravesando fronteiras e achegándose ao público, para intensificar tamén ese encontro tamén necesario entre a xente e as novas linguaxes da arte”, apuntou tamén Goretti Sanmartín dun proxecto que, como explicou, vai máis alá da propia exposición para promover encontros de profesionais e persoas amadoras da fotografía por medio de conferencias, presentacións de libros, obradoiros ou mesas redondas que se desenvolven este fin de semana na cidade da Coruña.
 
O comisario Vítor Nieves, comentou a orixe do proxecto que nace en Forteleza (Brasil) cando o Festival do Ceará convida ao Outono Fotográfico ao seu programa. “”O proxecto aproveita as sinerxías dos tres festivais, dous deles xa históricos, unidos pola fotografía documental que é o centro da exposición e o programa completo”, explicou Nieves para quen, outra singularidade de Territorio Expandido é que se trata dunha iniciativa que nace “desde as periferias dos tres países, en cidades que non son o centro, como acostuma acontecer no ámbito da arte contemporánea”.
 
Pola súa parte, o coordinador do proxecto Xosé Lois Vázquez definiu Territorio Expandido coma un proxecto “poliédrico e de internacionalización desde o noso sector cultural, materializándose neste encontro de tres festivais, fóra dos circuítos europeos habituais mais poñendo o acento no espazo troncal da galegofonía”. Responde tamén o proxecto, segundo Xosé Lois Vázquez, á “vocación atlántica deste país, a esa condición que nos leva a intercambiar relacións con Inglaterra cando existía a nobleza galega ou de tantos galegos e galegas que participaron dese espírito ao atravesar o océano incerto con esperanza no futuro, rexeitando  a incertidume sen futuro e sen poesía”. Parabenizou tamén que o proxecto puidera ser “transferidos” a outras linguaxes, citando, en especial, o libro-catálogo que pode, ao seu ver, “dotar ao proxecto da socialización eu o pode facer inmortal”.

Comentarios