Teatro

‘Se fosen turistas, levarían gafas de sol’ estréase en Montevideo

O espectáculo coproducido por Limiar Teatro e o Centro Dramático Galego (CDG), con dirección de Fran Núñez, representará tres funcións na capital uruguaia. A obra reflexiona en clave de comedia sobre a emigración galega do pasado e da actualidade

Imaxe da montaxe 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol'
photo_camera Imaxe da montaxe 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol'

Se fosen turistas, levarían gafas de sol estréase do outro lado do Atlántico, en Montevideo. A obra é unha coprodución internacional promovida por Limiar Teatro e Crémilo, apoiada polo Centro Dramático Galego (CDG) e coa participación doutras entidades de Portugal, Arxentina e Uruguai. Con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, fusiona o teatro e a música en directo de Brais Iriarte para reflexionar en clave humorística sobre a nosa emigración, a través das historias persoais dos artistas que integran o elenco. Deste xeito, afondar no acontecido permite estabelecer unha metáfora do presente.

O espectáculo, que se foi creando en residencias artísticas levadas a cabo nos distintos países participantes, forma parte do plan de coproducións do CDG para a temporada 2019-2020. As interpretacións de Iván e Mariano Solarich, Manuel Coelho, Cristian Palacios, Juan Caputo, Martina e Magdalena Fernández, e os propios Fran Núñez e Brais Iriarte celebran a vida e a supervivencia cunha trama que se inicia no momento da separación de dúas irmáns no porto de Vigo nos anos 50. A música creada in situ mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores, a manipulación da iluminación nas mans dos intérpretes e o uso de micromappings son características dunha aposta rompedora que caracterizou os anos de Fefa Noia ao mando do CDG.

Ademais desta institución, forman parte da produción o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, a Compañía Nacional de Fósforos de Bos Aires, Comedias do Minho de Paredes de Coura e El Mura de Montevideo co auspicio do Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai. Despois da estrea na capital uruguaia, onde terán lugar as tres primeiras representacións de 24 a 26 de outubro, a montaxe poderase ver tamén en Arxentina, antes de chegar ao Salón Teatro compostelán de 11 a 21 de decembro

Comentarios