CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Forza maior'

Unha análise do comportamento humano perante situacións extremas. 

capa

FORZA MAIOR
Título orixinal:
Force Majeure
Ano: 2014
Duración: 120 min.
Nacionalidade: sueca
Director: Ruben Östlund
Guión: Ruben Östlund
Fotografía: Fredrik Wenzel e Fred Arne Wergeland
Música: Ola Flottum
Elenco: Johannes Kuhnke, Lisa Loven Longsli, Kristofer Hivju, Fanni Metelius, Karin Myrenberg, Brady Corbet, Johannes Moustos, Vincent Wattergren, Clara Wattergren

SINOPSE
Unha familia modélica pasa as vacacións nunha estación de esquí dos Alpes. Unha inoportuna avalancha deixa en evidencia ao marido que fuxe presa do pánico deixando atrás á muller e fillos. Era unha falsa alarma pero o feito será o detonante do fin dunha prometedora tempada invernal.

CRÍTICA
A son de Vivaldi, no medio dunha estación de esquí dos Alpes franceses, comeza este filme sueco sobre unha familia de turistas en vacacións invernais que xa leva acumulado unha morea de premios: Mellor Película e Mellor Guión no Festival de Cinema Europeo de Sevilla, Mellor Película Estranxeira en Toronto, Premio do Xurado “Unha Certa Mirada” en Cannes, e varios Premios Gulbagge da Academia Sueca... Está contada de maneira episódica en cinco partes facendo coincidir cos días que están de vacacións. No primeiro día todo parece idílico. Tomas (pai), Ebba (nai) e fillos Harry e Vera, fan todo xuntos. Esquían xuntos. Almorzan xuntos. Dormen xuntos... 

No segundo día se produce o terrible suceso que cambiará o curso dos acontecementos. Mentres almorzan nunha terraza con vistas espectaculares do restaurante da estación, presencian unha avalancha aparentemente controlada. Todos os turistas abraiados sacan as súas cámaras e móbiles para inmortalizar o suceso. Moi bonito todo. Mais de súpeto parece que algo non vai ben. A avalancha diríxese inexorable ate o refuxio. Todo o mundo fuxe espavorecido. Todo o mundo? Non. Ebba queda atrás tratando de poñer aos seus fillos a salvo, pero cando chama aterrorizada polo seu marido este non está por ningures. Falsa alarma. Todo volve á calma. Tomas aparece. Fuxira como o resto de xente, pero iso si... sen esquecerse do móbil e luvas. Senta de novo á mesa con sorriso nervoso e fai como que non pasou nada. Seguen almorzando. Non se pronuncia palabra. 

"Ruben Östlund constrúe un guión sobre este precepto do comportamento humano en situacións extremas"

Ese mesmo día van cear con outra parella e no transcurso da velada sae á luz o suceso. Mentres Ebba trata de narrar os feitos, Tomas nega todo. A tensión crecente evidencia a inestabilidade dunha relación matrimonial que non era tan perfecta... Con esta premisa o director Ruben Östlund constrúe un filme que trata de responder a “como reacciona o ser humano ante situacións inesperadas, ante unha catástrofe”. A idea veulle dun suceso similar que sufriu unha amiga mentres pasaba unhas vacacións en Sudamérica, onde tamén o marido fuxiu deixándoa soa no medio dun asalto. Constrúe un guión sobre este precepto do comportamento humano en situacións extremas pero tamén lle serve de análise de parella e dos roles familiares, fixándose, en parte, na filmografía do meirande director sueco -e non sueco- de todos os tempos: Ingmar Bergman. 

Forza Maior é unha disección sobre unha familia modélica patriarcal. Xa nas vestimentas apréciase o rol de cada un. Pai e fillo de azul. Nai e filla de fucsia. O home diante. Abrindo camiño. Nai e fillos detrás. Un pai perfecto eixe dunha familia modélica con muller entregada e agarimosa. A avalancha supón o xerme do conflito poñendo de manifesto o frívolo xogo de aparencias da parella que vai pór patas arriba os preceptos e roles que tiñan por aceptados. Insatisfacción, falla de comunicación, distanciamento e frialdade farán a convivencia insoportable. 

"Östlund amosa un raio de esperanza nun clímax final que nos pode deixar algo descolocados"

A muller négase a aceptar o nihilismo existencial sabedora que negar a evidencia sería aceptar a morte. O home avergoñado tratará por todos os medios de que non se toque o tema. A incomunicación imponse e a tensión crece. Só a aceptación dos feitos e a verdade poderá liberar a gran carga que nin el mesmo pode soportar chegando incluso a renegar de si mesmo. Tras zorregarlle ben ao pai de familia e precipitar a tensión dramática até o mesmo abismo da miseria humana, Östlund amosa un raio de esperanza nun clímax final que nos pode deixar algo descolocados. Unha luz ao final do túnel para unhas personaxes torturadas ate a extenuación física que só pretenden volver a ser como eran. Enfrontarse á dura alternativa de volver a empezar de novo ou tratar salvar os cimentos familiares que tanto tempo lles levou construír. A balanza parece decantarse polo perdón. Ou quizá non? Xulguen vostedes, porque a cousa da para moito debate...

Comentarios