CULTURA

O Foro Reimprímete reivindicará a importancia do papel na cultura no Día do Libro

O Foro Reimprímete reivindicará a importancia do papel na cultura no Día do Libro

Dezasete entidades profesionais e empresariais do mundo da cultura apoian a creación do Foro Reimprímete que se presenta no Día do Libro. A  iniciativa da Asociación Galega de Editores e o Clúster Gráfico e do Libro, súmanse a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Federación de Librarías ou Gálix. 

A lectura dun manifesto de convocatoria e constitución nun acto que terá lugar na Fundación Caixa Galicia da Rúa do Vilar este 23 de abril, Día Internacional do Libro, será a presentación pública do Foro Reimprímete, unha iniciativa que quere reivindicar “a importancia cultural, educativa e socioeconómica do papel, do libro e da propiedade intelectual dentro do proceso de hibridación que se establece coa intervención dos novos soportes tecnolóxicos”. 

A iniciativa nace da Asociación Galega de Editores e do Clúster Gráfico e do Libro Galego que conseguiron sumar a dezaseis entidades que traballan arredor da cultura en papel, entre elas, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega da Literatura Infantil e Xuvenil (GALIX), a Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia, o Colexio de Xornalistas de Galicia (CXG), a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), o Pen Clube de Galicia, a Agrupación de Distribuidores de Libros e Edicións en Galicia (ADILE) ou a Asociación de Profesionais da Ilustración (AGPI). 

1.300 profesionais no sector 

A lectura do manifesto correrá a cargo da escritora Rosa Aneiros. As dezaseis entidades que estará presentes na xuntanza representan a máis de 500 empresas e a máis de 1.300 profesionais de todos os ámbitos relacionados co mundo do libro. No acto de presentación intervirán os presidentes das dúas entidades convocantes, a Asociación Galega de Editores e o Clúster Gráfico e do Libro- O presidente do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, moderará o acto. 

A creación do Foro Reimprímete nace nun momento especialmente delicado para o sector do libro, o que está a saír máis afectado da crise, segundo os últimos datos do Observatorio da Cultura Galega. 

O pasado ano,  por volta do Día do Libro a Asociación Galega de Editores (AGE) fixo un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos para afortalar un sector que atravesa grandes dificultades, as maiores nos últimos trinta anos segundo o informe da asociación presidida por Manuel Bragado. O informe reclamaba, entre outras cousas,  a elaboración dun plan estratéxico para o desenvolvemento do libro, un plan de apoios á rede de librarías ou a creación do Bono Cultura coa idea de apoiar o consumo de bens culturais, medidas que non obtiveron polo de agora o respaldo da administración galega.

comentarios