CULTURA

O Foro Reimprímete promoverá un plan de actuación para o sector do libro

O Foro Reimprímete promoverá un plan de actuación para o sector do libro

Vinte organizacións e entidades relacionadas co mundo do libro constituíron neste 23 de abril o  Foro Reimprímete. Promovido polo Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego e a Asociación Galega de Editores, o foro conta coa apoio das asociacións representativas da cultura en papel. 

Rosa Aneiros (AELG)
photo_camera Rosa Aneiros (AELG)

O Día Mundial do Libro foi a data escollida para a constitución do Foro Reimprímete, unha iniciativa que nace para a defensa do produto imprimido e do libro, nun momento de especial crise para o sector. 

“Se non hai vento, vogar” foi o título do manifesto fundacional que leu a escritora Rosa Aneiros no que se reivindicou a importancia do libro e a cultura impresa como “elemento fundamental da economía e a nosa cultura”. 

“A cultura dixital non debe substituír á cultura imprimida: debe convivir coa cultura imprimida. E esta convivencia debe garantir e fomentar, cos recursos institucionais e as políticas públicas necesarias, a supervivencia, interese social, visibilidade da cultura galega: dos seus axentes económicos e dos seus creadores e creadoras", sinalou a escritora nun discurso que pulou pola defensa de todo o proceso que fai chegar os libros a lectores e lectoras. “Sen contidos non hai cultura. A xusta retribución de quen os fai posibles e, tamén, dos elos de transmisión entre quen crea e quen consume- garante a calidade, a pluralidade e a permanencia dos produtos culturais. Se non se establece unha cadea de valor xusta, seremos cómplices dunha catástrofe”, alertou Aneiros. 

“Reivindicar a importancia do soporte imprimido na industria do libro e posicionar tamén ao papel como o mellor medio dende o punto de vista da sostibilidade e o medio ambiente”, é un dos obxectivos do Foro segundo a Asociación Galega de Editores, unha das dúas organizacións que levaron a iniciativa para a súa constitución. O seu presidente, Manuel Bragado expresou a vontade do sector de mostrar a súa existencia e a defensa da súa consideración como sector cultural estratéxico para Galiza. Pola súa parte, o presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Jacobo Bermejo, definiu o foro como unha “mesa de diálogo” para reivindicar o futuro do libro e os produtos impresos. O foro representa a máis de 500 empresas con máis de 1.300 profesionais, cifras que falan da relevancia tamén para a economía do papel no sector cultural. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios