Fontoira: a tipografía con nome dun mariñeiro de Meloxo que nace do estilo tradicional de ‘afoliar’ os barcos no Grove

Deseñada por dous mecos, Rubén Prol e Lino Prieto, contribúe á conservación deste sinal de identidade da cultura mariñeira, ofrecendo a posibilidade de aplicar este estilo aos medios dixitais actuais.

Fontoira

“Ese folio fíxoo Raúl Fontoira”. A resposta era a habitual que recibían Rubén Prol e Lino Prieto cando preguntaban sobre o deseño dos folios (matrículas) dos barcos no Grove, uns folios que tiñan identidade de seu grazas ao pincel deste mariñeiro do Grove nado en 1938.

Fontoria é o nome da fonte tipográfica feita por Prol e Prieto, inspirada nos características letras e números dos folios de moitas das embarcacións dos portos do Grove e Meloxo. “As súas principais características son o coidado das formas, os detalles nos remates de letra e os desenvolvementos das particulares ligaduras”, informan nun comunicado.

Coa creación desta tipografía, prosegue o comunicado, os seus autores pretenden contribuír á conservación deste sinal de identidade da cultura mariñeira do Grove, ofrecendo a posibilidade de aplicar este estilo aos medios dixitais actuais.

Rubén Prol, maquetador e deseñador gráfico e de tipografía; e Lino Prieto, informático e deseñador gráfico, son tamén do Grove comezaron a argallar sobre a idea de materializar esta tipografía hai un par de anos.

“Neste proceso estudiaron material fotográfico e mesmo realizaron traballo de campo que os levou até Raúl Fontoira, un mariñeiro do Porto de Meloxo que desde moi novo é afeccionado á rotulación, e que ao longo dos anos foi o responsable de rotular cos seus pinceis as amuras de numerosas embarcacións, chegando a crear un estilo moi particular e ben fermoso; é por isto que a tipografía creada por Prol e Prieto leva o seu nome, como recoñecemento á súa arte”.

Esta tipografía está a disposición na páxina web que veñen de lanzar os seus autores, fontoira.gal, na que ademais se pode atopar máis información sobre o proceso de creación, os folios marítimos e demais.

A súa licenza de uso é gratuíta para uso persoal ou fins non lucrativos. Para un uso comercial pódese aportar unha cantidade que se considere xusta.

Comentarios