Fondo pesar polo pasamento de Carme Graña Penedo, unha das primeiras militantes nacionalistas

Carme Graña Penedo, máis coñecida como Carmiña Graña, faleceu este sábado 1 de maio, día da loita obreira.
Carmiña Graña
photo_camera Carmen Graña Penedo [Imaxe: Alternativa Canguesa de Esquerdas].

Fondo pesar polo pasamento de Carme Graña Penedo, unha das primeiras militantes nacionalistas galegas, incansábel loitadora en prol da memoria histórica e dos dereitos das traballadoras e dos traballadores. 

Exiliada pola represión franquista a canda militantes e activistas como Margarita Ledo, X. M. García Crego, Elvira Souto ou Ramón Muñiz, Carmiña Graña foi parte activa da resistencia e loita contra a ditadura na Galiza.

Primeiros pasos na UPG

A súa loita tomou corpo nos anos 60, cando Graña chegou a Madrid para traballar como costureira. Unha vez alí, pronto estabeleceu fortes vínculos co seminario de estudos galegos "Club de Amigos de la Unesco" mais coa UPG, onde participaban galeguistas veteranos como era o propio Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey.

Neste contexto, é de destacar que se trataba dun grupo formado basicamente por estudantes, aínda que había algún traballador como o pintor Reimundo Patiño ou o político escritor Bautista Álvarez.

Deseguida pasou a formar parte da UPG, tornándose unha peza fundamental de campañas como Castrelo de Miño do 64 ou do primeiro Día da Patria Galega na ditadura en 1968. 

Carmiña pronto volve á Galiza (o núcleo máis importante da UPG, en número de militantes, estaba en Madrid e, nese sentido, podemos entender que Carmen Graña, Carmiña, fai parte da segunda xeración do galeguismo, após o 36).

Como militante da UPG, traballa en Cooperativa Galega de Consumo (Cogalco), en Vigo, onde ofrecía comida e produtos alimenticios máis baratos ao persoal traballador. 

Loita clandestina e exilio

En xaneiro de 1973, o aparato clandestino da UPG, no Morrazo, que tiña como responsábel a Moncho Reboiras, é descuberto pola Policía.

Após a súa caída, Carmiña Graña viuse obrigada a pasar á clandestinidade primeiro e, pouco despois, ao exilio en Francia. Mais continúa a loita e, na capital francesa, fai parte do grupo da UPG de París, que nesa época dirixía Foz. 

Non obstante, Graña non se afacía ben lonxe da terra. Despois da revolución portuguesa, o 25 de abril de 1974, con Margarita Ledo exiliada en Portugal, marcha de París destino Porto, cidade onde está instalado o aparato exterior da UPG

No ano 1978 é unha das fundadoras da Partido Galego do Proletariado e militante da FPG, con Ferrín, Crego e González Martínez, ‘Pepe de Teis’

Un símbolo

Xa de regreso á Galiza, Carmiña Graña seguiu coa militancia e integrou o PGP, Galicia Ceibe mais formou parte fundamental da actual FPG.

A vida de Carme Graña Penedo exemplifica o papel do nacionalismo na loita clandestina e de relevo que xogan as mulleres na conformación e posta en marcha de todas estas organizacións.

Un símbolo da represión contra as mulleres.
 

Comentarios