Caderno de Verán

Dequenvessendo, un folk con influencias

A banda Dequenvessendo, nacida entre A Coruña e Arteixo, logrou a meta de sacar á rúa o seu primeiro traballo discográfico a través dunha campaña de micromecenado
dqvsmaríapita
photo_camera A banda nunha actuación nas festas de María Pita (Foto: Andy Pérez)

E ti? Xa sabes Dequenvessendo? Dáse a moitos xogos de palabras pero esta banda nacida entre Arteixo e A Coruña chegou ao mundo da música para facer unha proposta seria. Os seis compoñentes xa levan rodando varios anos xuntos (a formación orixinal xurdiu en 2016) e tocaron en escenarios como o das festas de María Pita. Con esta experiencia ás costas, este mes de setembro sairá ao mercado o seu primeiro traballo discográfico, unha iniciativa para a que contaron cun numeroso grupo de mecenas. 

"A idea era lanzalo un pouquiño antes pero con todas as circunstancias da pandemia atrasouse o traballo de estudio", explica Bieito Romero.

Durante o confinamento e xusto despois, cando se permitiron novamente os movementos, centráronse en "perfilar o son que se quería sacar na posprodución". Non foron dos grupos que prepararon novos singles porque os que tiñan na carteira xa eran novos. 

Se nun principio se xuntaron como un "cuarteto de música tradicional", co paso do tempo foron evolucionando até que Dequenvessendo quedou en media sucia de artistas sobre o escenario. Igualmente a súa iniciativa cultural seguiu o seu camiño e, hoxe en día, "por pór un estilo, facemos música folk pero tamén continúa a ter peso a música tradicional".

"Segue moi presente nas pezas que escollemos", reflexiona Romero, que alude á tradición máis pura, a das cancións que existían e están vivas no imaxinario popular do país. No entanto, en Canto das xacias as e os seguidores e o público que chegue a eles vai atopar "influencia doutros estilos".

"Dentro do disco hai un repertorio propio", subliña o músico, pois tamén beben das súas creacións. Iso verase a partir do 18 de setembro coa publicación do traballo e o primeiro single "Muiñeira d'a cabra" xa está dispoñíbel para escoitar, analizar e gozar desde onte. 

Do que non cabe dúbida é de que van ter unhas e uns seareiros fieis que xa mercaron o disco sobre plano, como antes os pisos. Foi grazas á campaña de crowdfunding que lanzaron para lograr este obxectivo. Máis aló das cancións, van contar cun merchandising único. Quen sabe o valor que acadará...

Comentarios