Este domingo

O Folk in Río de Touro volverá encher a carballeira da Santalla

Na beira do río Ulla e ao pé dunha carballeira vai ter lugar este domingo 17 de xuño a undécima edición do festival Folk in Río de Touro. Concertos, cantos de taberna, feira de artesanía, xantar campestre e até un festival infantil paralelo nunha xornada que vai desde as 11 da mañá até a noite.

Sés Folk in Río 2017
photo_camera Actuación da cantante Sés no Folk in Río 2017.

A área recreativa da Santalla de Touro acollerá un ano máis o Folk in Río, un encontro festeiro na beira do río que desta vez contará cun festival infantil onde, ao longo da tarde, as crianzas poderán desfrutar das Olimpiadas Pallasas, un espectáculo que comezará a partir das 16:30 e onde Peter Punk fará unha sorte de olimpiadas a través dos xogos tradicionais galegos. O pallaso estará seguido de Paco Nogueiras, que presentará o seu espectáculo Radio Bulebule para rematar co Concerto Punkinfatil, un “delirio musical” no que un cantante de punk (Peter Punk) e un cantante infantil (Brais das Hortas) estarán condenados a entenderse.

A festa comezará ás 11:00h polos bares de Touro cos tradicionais cantos de taberna, nos que participarán dez grupos de música tradicional. Cara o mediodía a troula trasládase á área recreativa da Santalla, nunha carballeira ao pé do río Ulla onde se celebrará a sesión vermú, amenizada polo grupo compostelán de baile tradicional Ultreia.

O primeiro dos concertos chegará ás 17:00h da man do grupo de música tradicional galega Carapaus. Ás 18:00 será a quenda de Ardentía, coñecidos por introducir instrumentos non tan populares dentro do folk galego, como o clarinete, a trompa ou a zanfona. Os de Vigo fecharán a súa actuación para dar paso ao derradeiro grupo do día, Tiruleque, que presentará "Outro que tal baila!", novo traballo da banda e tercer disco da formación publicado o pasado 17 de febreiro.

A pesar da situación convulsa que vive Touro por mor do proxecto de reapertura da súa mina de cobre, Xabier Ferro, membro da entidade organizadora do proxecto A.C. As Sobreiras do Ulla, asegura que será un día “para pasalo ben” e “deixar tensións a un lado”. “Desde a asociación non queremos vincularnos a ningunha postura aínda que haxa posicións a título persoal”. Aínda así, lamenta que o festival vaia celebrarse ao lado do Ulla, “só mentres teñamos río”.

Comentarios