A Asociación de Gaiteiras reivindica as mulleres na tradición musical

O folclorismo que agochou as mulleres bravas

Había unha igualdade maior da que pode pensarse nas aldeas nas que se facían recollas de música tradicional. Mais certo folclorismo non representou os roles das mulleres que non respondían á imaxe patriarcal. Isto defendeu Mercedes Peón na xornada Tradición en Feminino.
Pola esquerda, Noemi Basanta, Xulia Feixoo, Mercedes Peón e Marina F. Vigo, na mesa de debate da xornada Tradición en Feminino. (Foto: AGG)
photo_camera Pola esquerda, Noemi Basanta, Xulia Feixoo, Mercedes Peón e Marina F. Vigo, na mesa de debate da xornada Tradición en Feminino. (Foto: AGG)

Era primeiros dos 60 e as mulleres “non tiñamos dereito a nada”. Para ir á tenda mercar un pouco de azucre “tiñamos que pedirlle cartos ao home e despois darlle as voltas”. Non había outra, nestas circunstancias, que romper “ese ferro que nos aprisionaba”. E iso fixeron mulleres como ela, que foi unha das primeiras que se integraron nun grupo de gaiteiros. Chámase Eclíptica Orbita -Maruxa dos Rosales- e vén de participar nas Xornadas da Asociación de Gaiteiras Galegas sobre a “tradición en feminino”. 

Maruxa relatou os seus comezos na música. “Iamos as mulleres ao cruceiro e á eira e cantabamos e tocabamos. A miña avoa cantaba moi ben…”, sinalou. O seu home, José, era gaiteiro. Un día, o seu irmán caeu e escordou un brazo, polo que xa non podía tocar o bombo. “José chegou á casa chorando. Tiña varias festas e non tiña ninguén para tocar o bombo”, lembrou. Así que decidiu facelo ela. E en canto empezou, comezaron a chamar á casa das comisións de festas para preguntar polo “gaiteiro da muller”. Un éxito que, despois, non fixo máis que medrar. Ademais de percorrer a Galiza, “fomos a Madrid, á Expo de Sevilla, a Bruxelas, a Portugal…”, apuntou. Toda unha vida “defendendo o noso”, a cultura galega.

O caso de Maruxa e do seu home podería ser un exemplo do que explicou despois, nestas mesmas xornadas, Mercedes Peón. Se cadra a asunción de que todo pasado foi machista e represor non se sustenta na realidade. Ela mesma fixo recollas de campo durante 20 anos. Xa a finais dos anos 80, en Bergantiños, observou que homes e mulleres se mesturaban sen demasiadas diferenzas por motivos de xénero. “Eu ía ás aldeas e os homes que eu tratei non responden ao estereotipo androcéntrico patriarcal”, explicou. Eran microhábitats que conformaban “un mundo harmónico e ecolóxico” máis igualitario do que pode pensarse.

Os imaxinarios do folclorismo

Mais o problema veu despois, na súa opinión, cos imaxinarios que dominaron o folclorismo, herdeiros das representacións románticas relacionadas coa construción nacional. A Sección Feminina unificou estilos e adoutrinou corpos para facer as mulleres “doces, amábeis, femininas”, fronte á creación colectiva que consideraba “vulgar” e “salvaxe”.

E ese binarismo de xénero foi despois o que asumiron os grupos folclóricos que sustentaron na suposta tradición ideas simplificadoras como que as mulleres non sacaban puntos no baile ou non tocaban a gaita. Un artigo de Mercedes Peón publicado na revista Plétora vai acompañado dalgúns dos vídeos que citou na súa intervención nas xornadas da Asociación de Gaiteiras. 

Imaxes de mulleres sacando puntos, de pandeireiteras “marabillosamente salvaxes” que poñen a comunidade en transo, e que nada teñen que ver cos seráns e foliadas de a partir dos 90 coas mulleres nunha posición subalterna. “Nos 80 e 90” -lembrou- houbo unha “resistencia de gaiteiros a seren desprazados do centro” por mulleres, por unhas pandeireteiras “ás que desprezaban”. O folclore foi, ademais, co tempo, espectacularizado e “deportivizado”, con concursos de xente “moi ben vestida”, mulleres e homes afastados, voces microfonadas e cámaras que ollaban os pés dos homes. 

A etnomusicóloga Xulia Feixoo, que impartiu un obradoiro nas xornadas da Asociación de Gaiteiras, explicara antes que no seu traballo, realizado desde unha perspectiva feminista, adoitaba atopar “contradicións” ao facelo con xente maior con “outros esquemas” de xénero, sendo o caso de Maruxa unha “excepción”. 

Gostarías de seguir coa lectura? Vai á libraría máis próxima ou entra na nosa tenda online para mercar o Nós Diario de hoxe e terás o texto ao completo. Tamén podes elixir unha das modalidades de subscrición que che ofrecemos!
 

Comentarios