CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O fogar de Miss Peregrine para nenos peculiares

Miss Peregrine
photo_camera Un fotograma do filme

Miss Peregrine’ Home for Peculiar Children

(EUA 2016, 127 min.)

Dirección: Tim Burton

Guión: Jane Goldman

Fotografía: Bruno Delbonnel

Música: Mike Higham e Matthew Margeson

Elenco: Asa Butterfield, Ella Purnell, Eva Green, Samuel L. Jackson, Judi Dench, Terence Stamp, Rupert Everett, Allison Janney, Chris O’Dowd, Finlay MacMillan, Lauren McCrostie, Kim Dickens, Scott Handy, Jack Brady

SINOPSE

Desde que ten uso de razón, Jake lembra as incribles historias do seu avó sobre un extraordinario lugar habitado por nenos moi especiais. Pouco antes que Jake acade a maioría de idade recibe unhas pistas para dar con ese lugar e descobrir por si mesmo un misterioso segredo familiar.

CRÍTICA

O feito de contar cun director tan peculiar coma Tim Burton para dirixir a adaptación do primeiro libro da triloxía, e best-seller infantil, de Ramsom Riggs era algo máis que lóxico. Unha historia repleta de nenos freaks que ben puideran saír do mesmo circo de A parada dos monstros (1932, Tod Browning) semella a escusa perfecta para que Burton dea renda solta ás súas obsesións, rarezas e imaxinería visual gótica. Se ben é un filme de corte infantil-xuvenil, hai suficientes elementos escuros e chispa como para que tamén poda ser aprezada por un público máis adulto, inclusive polos seguidores da filmografía (boa) de Burton que non quedarán defraudados. Ao contrario que fixo con Alicia no país das marabillas, opta aquí por usar decorados reais e prescindir o máximo posíbel dos efectos dixitais por ordenador (CGI). Non prescinde de todo, claro, mais é significativo que homenaxee ao mestre do stop-motion Ray Harryhausen nunha secuencia chiscadela a Jasón e os Argonautas (1963, Don Chaffey). E se no seu anterior filme, Big Eyes, deixaba bastante claro o seu fetichismo ocular, en O fogar de Miss Peregrine para nenos peculiares dáse un verdadeiro festín ...en todos os sentidos. A pesar do guión da inglesa Jane Goldman (Stardust, Kick-Ass), unha das guionistas de xénero fantástico máis orixinais do século XXI, a historia embróllase demasiado en excesivas explicacións sobre as regras que deben rexer este particular universo de fogares encantados e nenos con poderes extraordinarios. A trama vai dando bandazos durante máis da metade do filme ata que, por fin, entra en materia e deixa voar todo o potencial que levaba dentro, momento que, casualmente, coincide coa abraiante aparición dun desatado Samuel L. Jackson (Pulp Fiction, O protexido) nunha interpretación verdadeiramente divertida e, sen dúbida, o máis destacado da película, a pesar das pintas que lle puxeron... Eva Green (Casino Royale, Sombras tenebrosas) interpreta a Miss Peregrine do título, unha sorte de profesor Xavier feminino que rexenta un caserón onde albergar a nenos con capacidades especiais a fin de protexelos dunha sociedade incapaz de aceptar nin entender que haxa persoas “diferentes”. Asa Butterfield (A invención de Hugo, O xogo de Ender) é o rapaz protagonista que se interna neste mundiño cheo de criaturas fantásticas... e non todas boas. Terence Stamp (Superman, Beltenebros) e Judy Dench (Skyfall, Philomena) pasaban por alí para aportar o plus de experiencia e, de todos os freaks que pululan polo fogar -entre os que ben podería andar Eduardo Manstesoiras por como deixou os sebes de xardín- chama a atención a presenza de Ella Purnell (Maléfica, Kick-Ass 2), xoven actriz que semella saída dun cadro de Margaret Kane (a pintora dos ollos grandes de Big Eyes) e que apunta a nova musa burtoniana. Por suposto, como non podería ser doutra forma, conta cun enorme traballo de caracterización, deseño artístico e vestiario. Un filme fantástico para nenos na liña de Fermosas criaturas (2013, Richard LaGravenese), A xoven da auga (2006, M. Night Shyamalan) ou Son o número catro (2011, D.J. Caruso). Aborda de maneira bastante intelixente temas como a diversidade, o traballo en equipo ou a amizade. Certo que o resultado no foi o esperado mais apunta a unha futura triloxía, iso si, dubido moito que Tim Burton siga á fronte...

Comentarios