CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Focus'

A última de Will Smith. "Un filme entretido aínda que non sorprenda", di o noso crítico de cinema, Andrés Castro. 

Focus(2)

FOCUS
Ano: 2015
Duración: 105 min.
Nacionalidade: estadounidense
Directores: Glenn Ficarra e John Requa
Guión: Glenn Ficarra e John Requa
Fotografía: Xavier Grobet
Música: Nick Urata
Elenco: Will Smith, Margot Robbie, Rodrigo Santoro, Adrian Martinez, Gerard McRaney, BD Wong, Brennan Brown, Robert Taylor, Stephanie Honoré

SINOPSE
Nicky (Will Smith), un experimentado estafador, percibe na atractiva Jess (Margot Robbie) un enorme potencial. Tras adestrala nas artes do oficio deixa que entre na súa banda para dar un golpe que podería retiralos. Ningún dos dous contaba con empezar un romance, e moito menos con namorarse, o que podería ser extremadamente perigoso.

"Un refrito de dixestión rápida con bastante fundamento que non deixa mal sabor de boca"

CRÍTICA
Will Smith ponse baixo as ordes do dúo formado por Glenn Ficarra e John Requa, amigos desde o instituto de cine, e responsables das interesantes Philip Morris, quérote! e Crazy, Stupid, Love, para dar vida a un estafador profesional hiper-vitaminado, namoradeiro e cun fino sentido do humor que acolle a unha descarreirada e atractiva loira -chámalle parvo- para adestrala nas artes do oficio. 

Após ensinarlle todo o habido e por haber no mundiño dos estafadores, comeza o flirteo pertinente e, como non, namóranse. Pero claro, logo dun golpe perfecto, decátanse que deixarse levar polos sentimentos pode ser handicap na carreira do engano. Pasan os anos e recibe un traballiño de espionaxe dentro da Fórmula 1 e, por suposto, aparece ela. Pero oh sorpresa, ela é a moza do atractivo Rodrigo Santoro, que fai o rol do dono da escudaría. Ata aquí todo bastante previsible. Pero calma, porque a chea de tópicos, momentos musicais a ritmo de funky e lugares comúns da primeira media hora non é máis que o mcguffin para falar de cousas algo máis interesantes: oportunidades perdidas, segundas oportunidades, celos, proxectos de futuro e de confianza. 

Pero... como confiar en alguén que basea a súa vida no engano e na farsa? Aquí está o quid da cuestión. Will Smith cumpre expediente con nota acompañado por unha Margot Robbie que pon algo máis que corpo e cara bonita, pero sobre todo destacan os secundarios, con roles suficientemente traballados para que a cousa flúa con ritmo. O bochudo Adrian Martinez funciona á perfección como alivio cómico, así como o brasileiro Santoro, sempre solvente. Tamén destaca a presenza do BD Wong que organiza un pique apostas no medio dun partido de fútbol americano nunha das escenas claves do filme. Bo traballo de casting. Focus ten un certo parecido con Un romance moi perigoso

Parecido razoable que non se molesta demasiado en disimular, senón que se potencia cunha estética cravadiña ao “estilo Soderberg” de mans do director de fotografía mexicano Xavier Grobet. Homenaxe ou plaxio? Practicamente parece como se colleran a película de Clooney e J-Lo, cambiaran as personaxes, déranlle unha volta e pasaran todo pola peneira do blockbuster para así achegarse ao gran público.

Con todo a película entretén e, aínda que non sorprenda demasiado, tampouco o pretende. Xa sabemos de antemán que nunha de estafadores nada vai ser o que parece e haberá sorpresa final... e niso non decepciona. Mais o interesante do filme acaba sendo o que pasa mentres se vai cociñando o plan perfecto: un romance con bastante que contar. Mágoa que quede un pouco diluído no medio do refrito de xéneros. Un refrito de dixestión rápida con bastante fundamento que non deixa mal sabor de boca dando por bo aquilo de que “o que nin rouba nin mente, non é boa xente”. Entretida.

Comentarios