O ciclo Flor Nova do Romanceiro Ibérico xunta Diana Baroni e o Grupo 1500

O romanceiro tradicional será o gran protagonista na segunda edición do ciclo Flor Nova do Romanceiro, organizado por Sirgo Torcendo, que tratará de ofrecer unha perspectiva renovada das diferentes variantes do Romance Ibérico tradicional, histórico, vulgar ou de cego. 

A música Diana Baroni, quen actuará a canda Rafael Guel (Foto: Nós Diario).
photo_camera A música Diana Baroni, quen actuará a canda Rafael Guel (Foto: Nós Diario).

O Romanceiro, ese conxunto de poemas narrativos transmitidos oralmente, érguese como un punto de conexión, de encontro, das diferentes tradicións que o foron creando, e ampliando, até a actualidade. Desde os romances máis tradicionais até as últimas achegas que abren novos camiños.

E entre eses novos camiños atópase Flor Nova do Romanceiro Ibérico, un ciclo de concertos e palestras organizado por Sirgo Torcendo, en colaboración con A Central Folque, que trata de ofrecer unha nova perspectiva das diferentes variantes do Romance Ibérico tradicional, histórico, vulgar ou de cego.

A primeira edición de Flor Nova do Romanceiro desenvolveuse na Coruña en 2019, co gallo do Bienio Pidalino. Agora volve aflorar, mais “dándolle unha volta ao romanceiro ibérico e ao romanceiro tradicional galego, ampliando os enfoques desde os que se podía abordar”, explica en conversa con Nós Diario a directora do ciclo, Belén Bermejo. Así, concertos, palestras e vídeos de divulgación para todos os públicos definen o programa desta segunda edición, que se desenvolverá os días 8, 9, 15 e 16 de outubro. 

Desde a Compostela rural

A localización, algunhas das parroquias máis emblemáticas do rural compostelán: as igrexas de Santo André de Barciela, Santa María de Villestro e San Paio da Sabugueira. "Nun afán por descentralizar decidimos acudir a parroquias, xa non do centro, senón do rural compostelán", explica Bermejo.

Son espazos "moi importantes desde o punto de vista histórico". Algúns atópanse situados "en pleno Camiño de Santiago, como é o caso da igrexa de San Paio de Sabugueira", e outros presentan unha arquitectura "realmente interesante". Véxase Santo André de Barciela, "unha pequena xoia". Son lugares que apenas teñen programación e aos que "non se lle presta moita atención", valora a directora. "Compostela ten un rural moi interesante e moi abandonado", apunta.

Unha perspectiva renovada do Romanceiro

O ciclo achegará "unha perspectiva renovada e enriquecida sobre diferentes variantes do Romance Ibérico tradicional, histórico, vulgar ou de cego, de tempos pretéritos e actuais", adiantan desde a organización. 

Renovada desde diferentes enfoques e entendendo o romance de maneira "poliédrica", en palabras de Belén Bermejo. Primeiro, partindo do romance como estrutura métrica ou como poema, que "afonda as súas raíces na Idade Media" para se conservar e transmitir ao longo dos séculos de maneira oral "até chegar ao recordo na mente da xente que aínda hoxe os cantan".

Mais partindo tamén da actualidade, das persoas que traballan sobre eses textos, "como Alba María, que é cantora de romances tradicionais mais realiza as súas propias" creacións romancísticas e incluso as improvisa. "É pór o romance na voz de xente que segue a dar unha visión renovada" do que é ou pode ser este xénero.

Diana Baroni e Grupo 1500

A segunda edición de Flor Nova traerá á Galiza a cantora e investigadora arxentina Diana Baroni, quen actuará a canda Rafael Guel. "Xa ela mesma é un espectáculo que enche o escenario coa súa presenza", conta Bermejo. Formada en música clásica e barroca, pasou ao mundo da investigación e experimentación no ámbito da música tradicional.

"Os dous fan cousas marabillosas" vinculadas coa tradición amerindia e latinoamericana, mais para esta actuación Diana Baroni propón "unha narración na que recrea o ambiente popular e ecléctico da época colonial en América Latina, no que se instala e desenvolve o Romanceiro Ibérico en constante diálogo coas tradicións mestizas". Realizarase na sexta feira 15 de outubro e contará cunha conversa coa propia Diana Baroni.

O Grupo 1500 será outro dos pratos fortes para este encontro arredor do romanceiro tradicional. Referentes no ámbito ibérico de interpretacións informadas de música antiga, neste ciclo afondarán "no que puideron ser as raíces dentro de toda a literatura dos Minnesänger, pasando polas Cantigas de Santa María, textos medievais que xa apuntan a un certo carácter narrativo", explica Belén Bermejo, tamén integrante do conxunto. 

Así pois, nesta Flor Nova ofrecerán ao público asistente "un repertorio moi fermoso" no que, entre outras pezas, interpretarán o apócrifo "Pranto da Frouxeira", mais nunha "contrafacta coa música dun romance tirada do Cancioneiro de Palacio". Nese decorrer, que se desenvolverá o 9 de outubro, o músico Andrés Díaz achegará, na parola co público, "moitos datos interesantes e curiosos".

Os "romances" galegos de nova creación

O zanfonista e cantor Francisco do Romualdo, posibelmente "o único artista invisual verdadeiro que representa os cantos de cego actualmente", cantará “romances novos” so o título "paus de cego", co fin de lembrar e traer á actualidade "aquelas persoas invisuais que os transmitiron e vendían en pregos de cordel". Será na sexta feira 8 de outubro, a canda o concerto solista de Miro Casabella.

Para pór o ramo ao ciclo, o sábado 16 de outubro o conxunto conformado por Alba María e Queco Díaz abordarán os romanceiros galegos de tradición oral e de nova creación que achegan "todo o sabor da honesta interpretación popular". 

Vídeos divulgativos en liña

Alén dos concertos, o programa de Flor Nova do Romanceiro Ibérico inclúe actividades de diversa índole: performáticas, diálogos, narracións... Terán lugar antes dos concertos ou integradas neles, e están dirixidas a todos os públicos. Paralelamente ao ciclo de actividades escénicas, o programa inclúe unha serie de vídeos divulgativos que se emitirán ao longo do mes de outubro na canle de Youtube de Sirgo Torcendo.

A través de catro capítulos, participarán os especialistas Andrés Díaz, Diana Baroni, José Luís Forneiro e Xabier Moure, recoñecido estudoso do patrimonio e da historia da comarca dos Ancares. Ademais, Alba María realizará un vídeo-obradoiro sobre o romanceiro, no que achegará as chaves para crear o seu propio romance.

Comentarios