O FLIV terá a súa segunda edición a finais de mes

Logo da experiencia de 2020, o Festival Virtual do Libro retorna para analizar o impacto da pandemia no mundo editorial. 
O FLIV achega autoras e público
a través dun modelo virtual.
photo_camera O FLIV achega autoras e público a través dun modelo virtual. (Foto: Nós Diario)

O Festival Virtual do Libro da Galiza (FLIV) ten ultimada a súa segunda edición, que terá lugar entre o 26 e o 28 de marzo, con dous focos principais de atención. Dunha banda, procurará revisar como foi o ano 2020 para a literatura galega, como afectou a situación de pandemia que se vive á vida literaria.

Doutra, lembrará algunhas das conmemoracións que serán protagonistas durante o presente 2021, de Pardo Bazán a Xela Arias, pasando por Álvaro Cunqueiro. Ademais, o FLIV 21 ofrecerá unha sección de contidos dedicados ás artes escénicas co gallo do Día Internacional do Teatro, o 27 de marzo. 

O FLIV 21 manterá un sistema operativo similar ao da primeira edición, que transcorreu en xuño de 2020. Desde o seu enderezo web poderán seguirse todas as actividades da programación do festival en cada un dos espazos de encontro virtual.

Neles terán lugar as intervencións con formato charla, mesa redonda, conversa ou debate, as presentacións de libros e tamén as intervencións teatrais. Entre os argumentos que se debaterán nesta segunda volta poderán verse e escoitarse aqueles relacionados coa situación mundial e como afecta ao sector cultural.

Tamén haberá debate sobre as características da novela construída desde a memoria persoal e comunitaria, as novas maneiras de creación poética e un encontro de tres actores galegos que falan sobre os roles masculinos na súa profesión.

Continuando co percorrido aberto na primeira edición, formará parte da programación Teatro Interruptus, una sección escénica que este ano contará coa colaboración da revista Erregueté. Tamén se manterá a sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do festival a partir do vindeiro 15 de marzo.

Entre os autores que xa teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre Xela Arias; e as autoras que debaterán sobre literatura infantil e xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene Fernández, Antía Yañez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a narrativa tamén están confirmados Xesus Fraga, Suso de Toro e Berta Dávila, moderados por Esther Gómez.

Comentarios