Cultura

Nace o FLIV, literatura na rede que vén para ficar

Fervenzas Literarias e Anna R. Figueiredo presentan o Festival Virtual do Libro da Galiza (FLIV), unha iniciativa pioneira no Estado en canto a transversalidade do programa, que se presentará durante esta semana, mais que xa se anticipa diverso, con espazo para todos os xéneros e sen vontade de substituír o presencial.
Libros expostos nunha feira.
photo_camera Libros expostos nunha feira "presencial", proposta que o FLIV quere levar á rede [Xunta da Galiza].

Cultura e virtualidade van ter que reinventarse nos próximos meses e revisar as súas relacións. Para alén de todas as alternativas que vimos durante o confinamento, as iniciativas na rede para substituír, temporalmente ou máis a longo prazo, os espazos concorridos continúan a chegar a día de hoxe. Mentres agardamos o fin desa "conta atrás" que anuncia o slogan da Feira do Libro Antigo e de Ocasión 2020, xorden outras propostas como a que acaban de presentar Fervenzas Literarias e a autora e xestora cultural Anna Figueiredo: o Festival Virtual do Libro da Galiza (FLIV). En principio, terá lugar entre 26 e 28 de xuño a través dun portal web, desenvolvido pola empresa Datalib, cunha gran diversidade de propostas para o público desde calquera punto do planeta, pois as restricións físicas xa non son escusa. Ao longo da semana estará en aberto o programa concreto, aínda que xa se nos anticipan algúns detalles.

Segundo declara a organización, este conxunto de eventos nace coa idea de que "o libro e a literatura do país non queden parados". Vaise tratar do primeiro festival destas características que se fai na Galiza, pero como explica Figueiredo tamén o será no Estado a nivel de contidos e infraestrutura, pois se ben polo San Jordi se promoveron algúns materiais na rede, estaban centrados en entrevistas. O programa da FLIV, que anunciarán de maneira completa ao longo da presente semana, incluirá actos de toda índole: presentacións de libros, clubes de lectura, entrevistas, exposicións... A diversidade esténdese tamén a todos os xéneros, desde a banda deseñada ao teatro ou a tradución.

Ademais, atendendo á axenda do propio 2020, na programación estarán especialmente presentes quer Ricardo Carvalho Calero quer Concepción Arenal, e haberá apartados para a literatura e as peregrinacións.

Un modelo para ficar

Aínda que o FLIV xorde como resultado dunhas coordenadas espazotemporais moi concretas, coa pantasma da COVID-19 como precursor, trátase dunha iniciativa con vontade de perdurar no tempo. O "sistema operativo" para o festival virtual é aproveitar todas as vantaxes da telemática para pór en comunicación as persoas autoras e lectoras, restabelecendo nunha circunstancia de illamento a toda a comunidade cultural do libro.

"Chamounos a atención, por exemplo, o axiña que en Inglaterra algunha feira do libro se fixo en dixital ou como os clubes de lectura se trasladaron á rede", indica Figueiredo. E o que estaba acontecendo noutras latitudes era perfectamente aplicábel á Galiza. "É unha sorte de termos unha literatura de noso, na nosa lingua, que tamén pode adiantarse neste tipo de iniciativas", reivindica.

Aínda que aqueles eventos nos que se requira unha interacción coas persoas autoras teñen un perfil máis instantáneo, todos os contidos ficarán pendurados na web até o vindeiro ano, co que os públicos se amplían e transcenden as fronteiras do que sería accesíbel de maneira directa xeográfica e temporalmente. "O FLIV permite atender a todo desde a casa, cando noutros casos igual non poderías asistir á presentación de tal autora porque tes que levar as cativas á escola, ou calquera outro motivo", indica Figueiredo.

Con todo, o FLIV non pretende "substituír o contacto real". De feito, o seu obxectivo é contribuír a manter o sistema funcionando, Figueiredo explica que a idea é que o FLIV sirva "como escaparate para apoiar as librarías locais", nas que logo se poden mercar as novidades editoriais presentadas.

Comentarios