Fisterra renova a súa aposta polo blues

O Fisterra Blues Experience, un dos poucos festivais galegos que non se deixou de organizar pola pandemia, ábrese a novos estilos e continúa a ser un referente para a promoción da Costa da Morte. Onte presentou o seu cartel para este evento que contará, entre o 10 e o 12 de xuño, con artistas nacionais e internacionais.
Guadi Galego é unha das voces que se poderán escoitar neste VI Fisterra Blues Festival (Foto: Nós Diario).
photo_camera Guadi Galego é unha das voces que se poderán escoitar neste VI Fisterra Blues Festival (Foto: Nós Diario).

O Fisterra Blues Experience (FiBE) consolídase esta edición como unha das citas máis sinaladas do calendario de festivais do país. A súa é unha traxectoria singular que conseguiu, en poucos anos, trasladar a percepción de que este encontro musical é un clásico na costa galega.

Naceu en 2017 procurando reunir xunto á música, a paisaxe, a natureza, patrimonio e a gastronomía dun enclave ben característico da Costa da Morte: o municipio de Fisterra

Apertura a outros xéneros musicais

O Fisterra Blues Experience, que se celebra do 10 ao 12 de xuño, chega á súa VI edición con formato estendido. Tras dous longos anos de pandemia, este singular evento de localización privilexiada aumenta a súa programación, levando de volta a música e o baile ás rúas de Fisterra, con espectáculos de balde para todos os públicos.

Para o tenente de alcalde de Fisterra, Xan Carlos Sar, unha das novidades máis importantes é "a apertura desta cita a outros xéneros musicais, máis aló do blues, nesta edición" e a capacidade deste tipo de eventos “de situar Fisterra e a Costa da Morte no circuíto cultural”.

Por este motivo esta fin de semana haberá moito blues e rock, mais tamén soul, psicodelia, country, swing ou pop. 

O cartel do FiBE 22 inclúe a un dos grupos máis emblemáticos do rock estatal, Ilegales, que recalan en Fisterra coa súa xira La lucha por la vida. Ademais, polo campo de fútbol Ara Solis pasarán o artista de Burundi, refuxiado no Reino Unido, J.P. Bimeni xunto á súa banda The Black Belts ou unha das referentes fundamentais da música en galego, a artista de Cedeira Guadi Galego así coma o grupo De Vacas co seu "Vacanal Tour".

O famoso guitarrista rockabilly, Al Dual, incluído no Salón da Fama dese xénero en Tennesse, e o galego Adrian Costa, un dos representantes máis valorados do blues estatal.

O sábado, a localidade converterase no Escenario Fisterra cunha sesión vermú a cargo de Mad Martin Trio, pasarrúas ao máis puro estilo Nova Orleáns da man da Low Bay Hot Band e o espectáculo Little Neno descobre... os Beatles e os Rolling Stones, que achegará estas dúas bandas míticas ás idades máis temperás.

O domingo terá lugar a xa clásica "jam no faro" desde a terraza do Semáforo de Fisterra, con entrada libre ata completar ocupación, conducida pola Fisterra House Band feat. Degüello.

A banda residente do festival xunto a Degüello participarán, así mesmo, no "jazz a bordo" do sábado, ao que subirán na quenda do domingo Tato & Espiño, dous grandes artistas da escena musical compostelá. 

Comentarios