xoves 09.04.2020

O físico que non gañou o Nobel mais leu Rosalía en alemán

Arnold Sommerfeld foi 81 veces candidato ao Nobel de Física. Nunca llo concederon mais, con  moita probabilidade, o 7 de abril de 1925, na Coruña, leu Rosalía, Pondal e Carré Aldao en alemán.

Fagmento da capa do folleto
Fagmento da capa do folleto

A Coruña, abril de 1925. Manuel Casás é alcalde desde o 11 de marzo (era a segunda ocasión en que rexía a cidade) e con el era concelleiro o cronista da cidade Carré Aldao. Tamén foi nesta data que accedeu por primeira vez unha muller ao goberno da cidade. Foi Rosa Buján de Castro, elexida polo sindicato de mestres. 

Segundo informa El Pueblo Gallego, un barco de nome York saíu de Bremen a sexta feira día 3 ás seis da tarde e chega á Coruña a terza feira día 7 ás 8 da mañá. Nel viaxan máis de 500 intelectuais alemáns. Alemaña está renegociando un tratado comercial con España no que reclama a condición de país máis favorecido. O marqués de la Vega-Inclán continúa coa súa política de "internacionalizar" a cultura española.

O barco chega puntual e o alcalde Manuel Casás asina, con data do 7,  un texto de benvida a máis de cinco centos intelectuais alemáns que visitan a cidade. Na prensa da Galiza non achamos referencias a quen eran estes intelectuais (seguramente non buscamos ben) mais si algúns nomes en diarios madrileños que seguen a xira por España destes intelectuais e que nolos sitúan, ademais de na Coruña, en Tenerife, Málaga e Barcelona, sempre a bordo do York.

544 tudescos das maiores categorías intelectuais

No ABC de 14 de abril de 1925 achamos unha breve referencia a un telegrama dirixido ao comisario rexio de turismo, na altura Benigno Mariano Pedro Casto de la Vega-Inclán y Flaquer, marqués de la Vega-Inclán, o home cualificado por Gregorio Marañón como "millonario do entusiasmo e a xenerosidade", un precursor da organización do turismo na España ao que se debe o concepto "paradores" desde que en 1926 impulsou a construción do parador de Gredos. Tamén se deben a el a restauración de monumentos e transformación en museos  (Casa do Greco, en Toledo; Casa de los Tiros, en Granada; Museo Romántico, en Madrid. ..) con criterios realmente modernos. Residiu en París, Londres e Berlín. Foi Eduardo Dato quen, en 1914, o nomeou senador vitalicio, asegurándolle así a representación parlamentar a abrindo a porta a postos de responsabilidade de goberno.

Tradución de Negra Sombra
Tamén El Sol de 14 de abril se refire ao cablegrama e dános o texto:

"Vega Inclán ha recibido el siguiente radiograma expedido en el trasatlántico "York": "Encantados por entusiasta recibimiento y festivales Coruña, los agradecemos V. E. muy expresivamente , así como recomendaciones publicaciones. Hacemos votos fervientes por bella caballerosa España."

Texto que tamén aparece reproducido en La Época o día 13. Este periódico dinos, en nota de cuarta feira 8 de abril que foron 546 (544, en El Sol) os chegados. Por súa vez La Voz, diario vespertino madrileño,  fala de que chegaron “544 tudescos de las mayores categorías intelectuales”. O 22 estaban en Málaga.

Algúns nomes

Outras referencias a estes intelectuais proceden de El Sol e de El Imparcial. O día 15 segundo informan tanto El Sol como El imparcial de 16/04/1925 encontrámolos en Tenerife “a bordo de numeros automóviles ” percorrendo o vale de La Orotava. É tamén nestes medios onde encontramos referencia a quen poden ser estes “intelectuais”. Trátase de, entre outros, Árnold  Sommerfeld,  Max Friedlander ou o doutor Linck, profesor en Jena.

En El Sol, e con referencia a Tenerife, dísenos que o acto de benvida estivo presidido polo gobernador “que tenía a su derecha al profesor de la Universidad de Jena doctor Linck y a la izquierda  al de la Universidad de Berlín Max Friedlander.” 

Entre os presentes Árnold Sommerfeld relevante figura da física e as matemáticas


El Imparcial informa de que tamén estaba "entre las personalidades que integran el  grupo de intelectuales alemanes figura don Árnold Sommerfeld, profesor de la Universidad de Munich, figura relevante en el mundo científico, que realizó valiosos trabajos” entre outros campos no dos raios Roentgen. 

A Coruña- Hauptstadt Galiziens

No acto de benvida á Coruña sabemos que foron recibidos no Concello, que houbo un acto no teatro Rosalía e que se tocou o himno alemán. Seguramente sería moi parecido a como nos describen os periódicos que aconteceu en Tenerife:

"Ocupaban asientos en el estrado representaciones académicas de Alemania. El decano de la Universidad de La Laguna pronunció un discurso ensalzando las ciencias alemanas y haciendo votos por la unión intelectual con España para el progreso científico de ambas naciones. Le contestó el rector de la Universidad de Jena, que agradeció las atenciones, agasajos y simpatía con que se les ha recibido en Tenerife y exteriorizó el anhelo que tiene el pueblo alemán de estrechar los lazos intelectuales con España y los países sudamericanos. Terminó dando, un viva a España, que fué contestado.”

O texto de benvida e presentación da Coruña foi impreso en español e alemán. Nel faise un percorrido polos valores que unen as dúas sociedades, fálase de Heine, do Fausto e do Quixote. Da importancia económica da cidade e do porto da Coruña como “el único del litoral gallego que posee comunicación directa ferroviaria con Madrid, cuya distancia salvan lujosos trenes rápidos en dieciseis horas”.

Tamén achamos unha alusión á historia da literatura galega comentando as afinidades coa literatura alemá e situando A Coruña como a capital da Galiza por riqueza, por paisaxe.


Finalmente ofrécese un epígrafe titulado Lírica Gallega onde se transcribe a Negra Sombra de Rosalía, Loitas, de Eugenio Carré Aldao e Pol-a Patria, de Eduardo Pondal. Tres exemplos “de poesías escritas en la dulce lengua gallega” acompañados da versión en alemán realizada por  Marie Björkman-Schlikau. Os textos de Rosalía e Pondal xa foran traducidos en 1913 e publicados, polo menos o de Pondal, en periódicos alemáns. Ignoro se o texto de Carré xa fora traducido antes, se ben sabemos que a tradutora coñecía, desde 1911 a súa obra  Literatura Gallega e no propio folleto de benvida, ademais de a cualificar de distinguida poetisa anúnciase que ten en preparación un Estudio sobre la literatura Gallega.

Desde aquela a tradución de textos galegos para alemán pouco avanzou, non encontrando, segundo nos refere Áurea Fernández Rodríguez, do Grupo Bitraga (Universidade de Vigo) exemplos significativos até o ano 2007 coa aparición da  antoloxía bilingüe de Marga Romero e Dieter Kremer, 20 Gedichte aus Galicien

comentarios