A USC publica 'Unha breve historia do tempo'

O físico Jorge Mira traduce ao galego o clásico de Stephen Hawking sobre o tempo

Hai un punto en que a física parece atoparse coa especulación case filosófica. É nese territorio híbrido onde o célebre científico Stephen Hawking (Oxford, 1942 – Cambridge, 2018) escribiu o seu libro máis popular, Unha breve historia do tempo. Jorge Mira (Baio, 1968), físico, comunicador científico e catedrático da Universidade de Santiago, ofrece agora a versión galega da obra.
 

hawking
photo_camera O científico inglés Stephen Hawking, autor de 'Unha breve historia do tempo'. Foto: cedida.

“A colección Clásicos do Pensamento da universidade acolle a Arquímedes, a Kant, a Maquiavelo, os clásicos de sempre”, explica Mira a Sermos Galiza, “pero tamén hai clásicos modernos, como é o caso”. Unha breve historia do tempo (A brief history of time, 1987), subtitulado Do Big Bang aos buratos negros, leva vendidos máis de dez millóns de exemplares. Traduciuse a máis de 35 linguas. “Rachou records”, engade.

cuberta 'unha breve historia do tempo'

E supuxo unha mudanza radical na comunicación pública da ciencia. “Hawking expón unha intepretación do marco xeral do universo”, indica o tradutor, “que pescuda e teoriza no que é a esencia do fenómeno do tempo, especula sobre a totalidade do universo e vén dicir que este non ten fin”. Mira, el mesmo divulgador de primeira orde, coloca un exemplo que simplifica a complexa idea de “lugar sen límites” empregada polo científico inglés para o universo: “É como a superficie dunha pelota. Se es un ser bidemensional que habita nunha pelota, esa superficie non ten límites”.

A cosmoloxía, con todo, non se detivo. Hawking volveu publicar o libro actualizado en 1996. “É un clásico moderno, por suposto, pero hai cousas que xa non teñen vixencia”. O autor preguntábase pola masa dos neutrinos ou pola medición das ondas gravitacionais, elementos daquela aínda por coñecer. “Ler Unha breve historia do tempo tamén serve para comprobar o rápido que avanza a ciencia e a cosmoloxía”, considera Jorge Mira.

Mira xa realizara a revisión científica da tradución da Teoría da relatividade de Albert Einstein editada polo Consello da Cultura Galega en 2017. Para se enfrontar ao best seller de Stephen Hawking, traballou intermitentemente na tradución ao longo do último ano e medio. “Deu moito choio, si”, explica, “consultei outras traducións e vin que algunhas tomaban demasiadas liberdades. Eu fixen unha versión prístina. Se el non puña comas, eu tampouco. Se puña cinco nunha frase, eu respectábao”.

Hawking, con que Mira mantivo certa relación, morreu no medio dos labores para a versión galega da súa obra. Esta inclúe un limiar do propio tradutor e mais de José Edelstein e presentarase en público co director da colección Clásicos do Pensamento, o profesor Darío Villanueva, hoxe director da Real Academia Española.

Nota: cuberta de Unha breve historia do tempo, editada pola Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios