En Carballo

O Fiot en Pausa explora a reconciliación do teatro co 'smartphone'

O Festival Internacional Outono de Teatro (Fiot) de Carballo fai fronte á incerteza pandémica cunha edición en pausa, de 9 a 18 de outubro, que aposta con forza nas compañías galegas. Esta decisión, tan meditada, tomouse desde a absoluta consciencia de que un festival é "máis que unha programación". 
O espazo teatral cun cartaz do Fiot en Pausa.
photo_camera O espazo teatral cun cartaz do Fiot en Pausa.

O Festival Internacional Outono de Teatro (Fiot) de Carballo decidiu adiar a súa edición deste ano ante as incertezas e a inseguridade sanitaria da comarca xa a finais de agosto. Moitas das iniciativas que compoñen o evento, profundamente arraigadas na vila, non se podían levar a cabo, por exemplo aquelas que teñen a ver cos centros de ensino (Fiotiño) ou a famosa Rúa dos Contos.

Sen todo isto, "non tiña sentido, non se trataba dun festival de teatro", resume Alberto Sueiro, o director, en conversa con Nós Diario. O sistema de subvencións públicas tampouco axudaba, pois estas "pecan dunha rixidez e inflexibilidade que dificultaba moito o traballo". Así, sen garantir o completo da programación, non se asegura a remuneración completa, polo que o risco era bastante alto nunha situación tan cambiante como a actual.

Con todo, o festival optou por manter certas actividades  no que deu en chamar Fiot en Pausa. Isto responde a un "compromiso co sector das artes escénicas da Galiza", para o que o propio evento significa un aliciente. "A esa cita non queriamos faltar nin darnos por vencidos", afirma Sueiro.

É por iso que apostaron en manter as representacións das compañías galegas e aqueloutras propostas, como o Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, que están encargadas e deseñadas exclusivamente para espazos de Carballo: "Non queriamos que ese esforzo se perdese".

Compromiso co sector

Na axenda dos próximos días atópanse obras de profesionais tan consolidadas como Chévere (Curva España) ou Sarabela (A lingua das bolboretas), coa vontade achegar ao público a enorme calidade do noso teatro. E visita por fin a capital bergantiñá Liberto, de Rebordelos, peza que estivo a piques de estrearse alí.

Represéntase por vez primeira A xente 2.0, de Amorodos Producións, unha obra de rigorosa actualidade que ten á cabeza unha parella artística abondo consolidada: María Vázquez e Víctor Duplá. A realidade social e o momento que estamos a vivir impulsaron a pór en escena esta adaptación que trata o malestar colectivo, a tensión social e a capacidade do grupo para organizarse e transformar a contorna.

Smartphone

Asociada á propia creación impulsada polo festival atoparemos un dos pratos fortes deste Fiot en Pausa. Trátase de A lúa, válvula de spray, en colaboración co Lidiss (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostíbel). "Levamos tempo intentando explorar novas vías", explica Sueiro.

E neste senso arriscan coa teima de acudir a un "inimigo declarado do teatro convencional" como é o teléfono móbil. "Prohíbese expresamente nas representacións cando é un aparato imprescindíbel na vida das persoas. Queriamos facer que tivesen un espazo común a partir dunha función na que o smartphone serve de vehículo", engade.  

Ante o escenario real dos murais que ateigan Carballo, desenvólvese unha obra con dramaturxia de Rosalía Fernández Rial, recoñecida voz poética de orixe carballesa, e dirección dun dos grandes do xénero como Quico Cadaval. Esta ficción sonora en forma dun espectáculo itinerante bebe do podcast que escoitamos desde o móbil, onde recoñecemos un elenco propio dunha función convencional (Melania Cruz, Santi Romay e María Roja). "O que muda é a convención", di Sueiro. 

De lonxe

Aínda que a peza vén de antes da pandemia, coa acelerada entrada das tecnoloxías parece coller mesmo novas lecturas. Serviu en certo modo de catalizador para un programa marcado pola advertencia "formato non convencional", noutras experimentacións como a da performance agochada tras a figura de Emma Santos, Live. Todo isto coa máxima en mente de que o festival "ten que ofrecer unha utilidade que supere a propia programación".

"Levamos moito tempo pensando que estamos a entrar no segundo cuarto do século XXI", comenta Lueiro. O teatro, en crise os últimos 200 anos (ou desde sempre como brinca o director), tivo que enfrontar  coa chegada do cinema ou da televisión unha sorte de competencia que se entendeu case como "teatro enlatado", mais as tecnoloxías móbiles propoñen "unha maneira de vivir diferente", de entender a realidade e o mundo que enchoupa todas as dimensións. Por iso a arte debe aprender a inserilas, utilizalas, negocialas. Tamén pensalas, sempre desde a proba, no laboratorio, facendo do erro bandeira.

Mais nesas mudanzas o teatro mantén a súa función. O mundo está sempre en cambio, pero "a esencia da humanidade" aglutínase nas mesmas paixóns, sentimentos e pulsións que o atravesan do grecorromano ao contemporáneo. "As preocupacións non mudaron tanto e o teatro segue a enfrontar a realidade con representacións que nos removan por dentro", conclúe Sueiro.

Comentarios