O FIOT celebra con comedia o seu 25 aniversario


O FIOT abriu onte, sexta feira, a súa 25ª edición con 34 espectáculos coa comedia como protagonista. Os espectadores poderán ver catro estreas absolutas e oito estreas en Galiza desde o 23 de setembro ao 29 de outubro.

Afpresentación FIOT Carballo.
photo_camera Apresentación do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo abriu onte a súa 25ª edición, na que se inclúe un total de 34 espectáculos, entre os que hai catro estreas absolutas e oito estreas en Galiza na programación de sala, no OTNI e na Rúa dos Contos.

Para celebrar as súas vodas de prata, o FIOT conta coa participación de compañías teatrais que marcaron a traxectoria do festival co obxectivo de homenaxear o público. Deste xeito, o aperitivo corre a conta da compañía madrileña Yllana, unha das máis veteranas sobre os escenarios de Carballo, que o 23 de setembro tamén conmemorará na capital de Bergantiños o seu 25 aniversario. 

Cándido Pazó estrea ‘O Tolleito de Inishman’, un moderno clásico universal

Dentro da programación de sala, un dos pratos fortes é a estrea absoluta, o 14 de outubro, de ‘O Tolleito de Inishman’, un moderno clásico universal, de gran éxito en todo o mundo, agora dirixido e adaptado polo Xograr do Outono Cándido Pazó e interpretado pola Xograr de Outono da edición de 2015, Susana Dans. A obra está coproducida polo FIOT.

Entre as estreas absolutas tamén destaca “Dous homes e un vespino”. Despois de facer rir a media Galiza, os populares cómicos Xosé Touriñán e Pepo Suevos presentan o 15 de outubro o seu novo espectáculo para cumprir co mandamento principal desta edición: divertirse e sacar un sorriso ao público. 

O resto de estreas absolutas inclúense na programación da Rúa dos Contos, protagonizada polo Mago Álex co seu espectáculo “De ilusións tamén se vive” (1 de outubro) e Píscore con “Concerto singular” (7 de outubro). 

Estreas en Galiza

A presente edición será testemuña de numerosas estreas no país. Ademais do prólogo de Yllana, a compañía valenciana L’Om Imprebís adentrarase na esencia do FIOT cun xogo escénico, de luces e telóns con “La Crazy Class” (16 de outubro). Por primeira vez tamén chega a Galiza a obra “La estupidez” (29 de outubro), da compañía Feelgood Teatro, unha hilarante road-movie interpretada por coñecidos rostros do panamorama televisivo como Fran Perea e Toni Acosta. 

A sesión dobre do 8 de outubro tamén contará coa estrea en Galiza de “Hey Bro! Hipstershow!”, do célebre comediante Rafael Maza (Fabiolo). A VII edición do ciclo OTNI unha dobre ración de estreas, cos espectáculos “Micro-Shakespeare” (21 de outubro) de Laitrum Teatre e “Penev” (27 de outubro) de La Teta Clava Producciones. 

Shakespeare e Cervantes

As estreas en Galiza tamén mergúllanse na celebración do IV Centenario da morte de Cervantes e Shakespeare, que é un dos elementos principais desta 25ª edición. Este é caso da estrea na nosa comunidade de “Sueño de una noche de verano” (22 de outubro), de Metatarso Producciones. 

O premio Xograr de Outono é para un dos máis populares actores galegos, Miguel de Lira

As referencias aos mundos de Cervantes, como é o caso de “Rinconete y Cortadillo” (9 de outubro), de Sexpeare Teatro e a “Cervantina” (23 de outubro), versións e diversións sobre textos do autor español da man dunha das compañías máis aclamadas polo público de Carballo, Ron Lalá, que leva a cabo esta produción en coordinación coa Compañía Nacional de Teatro Clásico. 

Actividades do Fiotiño

Os máis pequenos sempre teñen un oco no festival no marco das actividades do Fiotiño. Volve a “Noite branca no teatro” os días 24 e 25 de setembro. Os nenos poden divertirse mentras aprenden a ser xornalistas no “Pequeperiodistas”, unha actividade na que poderán entrevistar aos actores que veñen ao festival. Unha das novidades é “Time Lapse”, obradoiro para os fioteiros a partir de seis anos no que se realizará unha montaxe audiovisual onde nenos e adultos interactuarán bailando, interpretando e cantando. Na rúa poderase gozar dos espectáculos “Ritmo refugallo” (30 de setembro) do Trío Refugallo e “Tripula” (1 de outubro) dos Farrés Brothers. E, coma sempre, un veterano: o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que reparte premios por valor de 850 euros. 

Xograr de Outono

No seu 25ª aniversario, o FIOT quere entregar o Xograr do Outono a un dos actores que participou na primeira edición do festival e que é unha das figuras que iniciou o teatro alternativo, de compromiso e experimentación en Galiza. Trátase do Premio Nacional de Teatro Miguel de Lira, quen recollerá o seu galardón o 21 de outubro, unha vez que se baixe do escenario despois da representación de “Eroski Paraíso”. 

Comentarios