venres 29.05.2020

Os fíos invisíbeis do cinema no festival S8

Esta sexta feira 25 de maio, A Coruña dá o disparo de saída a dez días de proxeccións, presentacións, film performances, debates e encontros coa crítica

Fotograma do filme inaugural do festival, 'The Passion of Joan of Arc'
Fotograma do filme inaugural do festival, 'The Passion of Joan of Arc'

Tempo, estruturas e patróns. Eses serán os eixos centrais da novena Mostra Internacional de Cinema Periférico, que dá inicio esta sexta feira 25 e completará nesta edición a triloxía adicada á creación cinematográfica iniciada en pasados anos con Os novos impresionistas (2016) e Obxectos e aparicións (2017). Este final de ciclo, bautizado como Lux Algebra, explorará as dimensións cinematográficas da luz como sistema abstracto.

As obras de Ernie Gehr, Scott Stark, Chris Kennedy ou Kurt Kren serviranlle ao festival para explorar o tempo e a estrutura do cinema a través da montaxe e a propia construción interna dos filmes. Alén disto, tamén estará o ciclo Patrón de interferencias, coordinado por Alberto Alcoz e que estudará a través dunha decena de pezas o campo de actuación experimental do cinema pensando, principalmente, desde a innovación sonora. Por último, Lux Algebra contará con nove filmes dentro do programa Métrica e Rima, que servirán ao espectador para reflexionar sobre patróns, medidas, estruturas, correspondencias, ritmos e combinacións no dispositivo fílmico.

A inauguración contará coa estrea da ópera-oratorio Voices of Light / A paixón de Xoana de Arco, de Richard Einhorn, dirixida por Fernando Briones e interpretada polo Coro e pola Orquestra Gaos. O evento está programado para a sexta feira 25 de maio ás 20:30 horas, no Teatro Colón. As entradas poden ser adquiridas na billeteira do propio teatro, en Ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 ou nas sedes de Afundación da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

A vangarda do cinema contemporáneo

Como parte do programa, S8 tamén abordará a obra de Phil Hoffman, mestre da arte do diario filmado. O festival proxectará dez das obras deste director canadense, pioneiro do cinema autobiográfico que entendeu a dimensión política do persoal e fixo unha lectura marxista da súa vídeo-biografía íntima. Hoffman tamén foi fundador do Film Farm –acampamentos fílmicos– e organizará un evento equivalente –Film Farm On The Road– no Nautilus do Aquarium Finisterrae do 5 ao 8 de xuño.

Outro dos autores que contarán cunha sección propia no festival será Fried vom Gröller. De xeito similar a Hoffman, o artista tamén explora o eido íntimo da imaxe, desta volta a través do retrato –en 16 mm– e os close-up. A identidade, a xestualidade e a corporalidade son constantes no traballo de vom Gröller, do que se poderán ver cinco filmes. Á par desta retrospectiva, o director tamén ofrecerá unha conferencia na que analizará o seu proceso artístico. A sesión, programada para o 31 de maio ás 12:30h na Filmoteca do CGAI, consistirá en varios bloques de películas que serán intercalados coa proxección de fotografías de vom Gröller.

Por outra banda, oito pezas breves serán as que resuman a traxectoria do cineasta experimental arxentino Pablo Mazzolo. Unha obra que destaca polo seu uso da luz e das súas variábeis cromáticas a través da manipulación da materia fílmica, creando imaxes case oníricas, cun forte potencial sensorial.

Ademais, o ciclo Sinais repetirá unha vez máis no programa. Este ano, a artista visual combativa María Ruído apresentará a súa instalación Le Paradis, onde recolle o seu traballo desde finais dos anos 90 no instituto de Imaxe e Son coruñés. Alén disto, a autora tamén contará cun ciclo adicado á súa propia obra -A imaxe que pensa- no auditorio Afundación. Sinais en curto tamén amosará os traballos de Alberte Pagán (A mosca), Lara e Noa Castro (Pezas imposibles), Ángel Santos (M.), Helena Girón, Samuel Delgado (Plus Ultra) e Marcos Pérez e Martín Pawley (Fogos).

De xeito paralelo, o cinema reborda a pantalla a través das film performances da sección Desbordamentos. Dentro deste programa, as persoas asistentes poderán ser testemuña do traballo de Tono Mejuto, Scott Stark, Pablo Mazzolo e do dúo colombiano-alemán Ojoboca (Anja Dornieden e Juan David González Monroy).

Fóra do plano unicamente artístico, a mostra de Cinema Periférico contará coa presenza de Antonelli Bonfanti, directora de Canyon Cinema, que acaba de celebrar os seus 50 anos como distribuidora de referencia dentro do cinema experimental. Para conmemorar a data, a marca ofrecerá o programa California Dreaming, onde exporá unha selección de obras dos seus directores Bruce Baillie, Nathaniel Dorsky e Mark Toscano.

Aprender sempre

Por riba disto, o S8 completará o seu programa cunha vertente formativa. Dentro deste estará o seminario Seminario de crítica experimental organizado pola revista A Cuarta Parede. Tres sesións –impartidas o 26 e 31 de maio, 1 e 2 de xuño– a cargo de Alberte Pagán, Francisco Algarín Navarro e Mónica Delgado nas que se debullará a elaboración de textos críticos. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico [email protected]

Alén disto, a Mostra Internacional de Cinema Periférico tamén ofrecerá o 26 e 27 de maio o obradoiro O Cinema dos sentidos de Pablo Mazzolo. O director proporá un espazo onde desenvolver a percepción singular e subxectiva da imaxe, e traballará co alumnado en desenvolver as súas competencias á hora de trasladar esta ao traballo audiovisual. Ao final do workshop, cada participante terá producido un proceso, imaxe ou obra audiovisual. Por último, o festival contará cunha mesa-debate Vías para a realización, residencias artísticas, laboratorios, bolsas de creación e titorías de proxectos en desenvolvemento.

comentarios