Finde ‘Armadiña Rock’ coa música comprometida

O Armadiña Rock de Poio é xa unha cita consolidada para quen goste do rock máis comprometido. Hoxe sábado, Banda Bassoti, Sés, Nao, Agoraphobia, Noite Fechada e Banda Crebinsky.

agoraphobia2
photo_camera Agoraphobia

Logo dunha noite de sexta feira intensa e vitamínica (con Terbutalina, Siniestro Total, The Lakazans e Tractor Troy), hoxe regresa o Armadiña Rock abrindo pola mañá coa programación de Armadiña Kids, con obradoiros infantís e actuación de “Pulpiño Viascón e os instrumentos máxicos”. E a sesión vermú chega da man dos Poetarras. 

Pola tarde preséntase o proxecto documental ‘Fronteiras do humano’ e logo ten lugar unha mesa redonda sobre “a situación actual da música galega”, coordinada por Xurxo Souto. A continuación, pasarrúas con Fanfarria Taquikardia e teatro na rúa coas Sircópatas.

E á noite, na Praza da Chousa, chega o programa central co grupo revelación do Barbanza, Agoraphobia, a Banda Crebinsky ao completo, logo Sés (a quen agardamos logo da polémica de Mondariz), a banda do Salnés Noite Fechada e os italianos Banda Bassoti. Pechan a noite Nao. 

Adeus o domingo

Para o domingo ao mediodía só fica a entrega de premios do ‘I Concurso de Balcóns, Patíns e Solainas’  e a actuación de Cora Sayers na sesión vermú. 

Comentarios