Cultura

As cinco finalistas galegas dos Premios da Música Independente

A Banda da Loba, Familia Caamagno, Heredeiros da Crus, Os amigos dos músicos e Tanxugueiras están nomeadas a Mellor Álbum en galego, entre outras categorías.
Tanxugueiras recollen o premio a Mellor Álbum en Galego 2019 (Jose Baez).
photo_camera Tanxugueiras recollen o premio a Mellor Álbum en Galego 2019 (Jose Baez).

Os Premios da Música Independente do Estado veñen de facer pública a súa listaxe de nomeadas en 2020. O Mellor Álbum en galego conta con cinco finalistas (A Banda da Loba, Familia Caamagno, Heredeiros da Crus, Os amigos dos músicos e Tanxugueiras), que ademais de optaren a Mellor Álbum xeral, suman varias candidaturas máis. As gañadoras daranse a coñecer nunha gala que terá lugar o 11 de marzo no Teatro Circo Price de Madrid.

Fábrica de Luz, segundo  disco da Banda da Loba, continúa coa musicalización de poetas e escritoras contemporáneas, nunha achega de "estilo ecléctico e heteroxéneo" que lle valeu o nomeamento a Mellor Artista e Mellor Canción ("Anagnórise"). As frenéticas melodías de pop bailábel de Familia Caamagno en Había que intentalo colocaron os de Sigüeiro na carreira a Mellor Álbum de Rock e Canción ("Castromil").

O retorno de Heredeiros da Crus, Derretidos, após seis anos afastados dos palcos, conseguiu facerse un oco nas seccións de Mellor Artista, Álbum de Rock, Produción Musical (Iago Lorenzo) e videoclip (Xaime Miranda), así como na de Canción con "Esquimales". O Segundo Fogar dos Amigos dos músicos colouse tamén na categoría de Deseño Gráfico, ao cargo de María Grande, e videoclip, polo traballo de Rubén Domínguez en "As Crónicas".

Por último, Tanxugueiras repite na categoría galega, que gañou o ano pasado, esta ocasión polo seu recente Contrapunto, finalista tamén en Músicas do Mundo. Nomeadas a Mellor Artista, figuran en Deseño Gráfico grazas ao labor de Sonia García (Illa Cromática) e Videoclip pola adaptación audiovisual de "Perfidia", dirixida por Diego Muñoz e Diego Santaclara. 

Comentarios