A Casa Rosalía, o Chanfaina Lab e a Rede Cultural da Deputación da Coruña

Finalistas do Premio do Público Culturgal

O público do Culturgal, a feira das industrias culturais de Galiza que decorrerá a primeira fin de semana en Pontevedra, optará entre tres proxectos para outorgar o seu galardón: a Casa Museo de Rosalía de Castro, o Chanfaina Lab de San Sadurniño e a Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 

Público en Culturgal
photo_camera Público en Culturgal. Foto: cedida.

Activa como museo desde 1972, a Casa Rosalía é unha das máis populares institucións da cultura galeguista. A celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos supuxo un punto de inflexión: a reforma do proxecto expositivo, baixo a dirección de Pepe Barro, contribuíu á posta en marcha de “novas estratexias” de difusión do legado da poeta. O escritor Anxo Angueira preside a fundación da que depende.

A Rede Cultural da Deputación da Coruña contou 1.797 espectáculos nun ano. Artes escénicas, música ou audivisuais conforman esta programación, que involcucra cada tempada máis de 500 entidades, empresas e compañías artísticas. A Rede depende da Área de Cultura do ente provincial, encabezada por Goretti Sanmartín.

A San Sadurniño “non se vai a ver filmes, vaise a facelas”. Ese é o espírito do Chanfaina Lab. “Os participantes teñen que gravar durante unha fin de semana unha película de entre 3 e 5 minutos arredor de San Sadurniño pero con temática e estilo libres”, explica a organización. Máis de trinta cineastas participan en cada edición, nunha fin de semana a cabalo entre agosto e setembro. Organiza o Concello de San Sadurniño.

Pódese en votar nesta ligazón: https://pr.easypromosapp.com/entries/832856.

Comentarios