Entrevista

Fina Calleja: "Abordamos a figura de Rosalía con atrevemento"

Culturactiva estrea o domingo na Coruña unha obra sobre a infancia da poeta

Este sábado estréase no teatro Colón da Coruña a obra Rosalía, a primeira produción teatral sobre a infancia da poeta galega. A montaxe, para público infantil e familiar, céntrase nun momento fundamental da súa vida: a mudanza de Padrón a Compostela. Conversamos con Fina Calleja, a responsábel de levar a biografía da emblemática poeta enriba das táboas.

Como xuridu a idea de falar da infancia de Rosalía?

Foi un convite que me fixo Culturactiva, coñecendo outros espectáculos que dirixín para público infantil e familiar. A súa proposta partía de achegar a figura de Rosalía ás máis cativas. Pescudando na súa biografía, procurando como conectar para conseguir esa empatía sempre necesaria entre o que se conta e o público, descubrimos ese momento que nos pareceu tan interesante a min e Nate Borrajo: o cambio de domicilio que sofre Rosalía, esa nena que ten que deixar Padrón para ir vivir a Santiago de Compostela. Aí coñecerá a vida na cidade e o Liceo de La Juventud, onde recibe aulas de música teatro, debuxo... Decidimos colocar no foco ese intre da escolla, unha decisión que toman os adultos por ela, no que ten que abandonar o seu mundo coñecido para emprender un cambio que vai ser moi importante porque se lle van abrir novas posibilidades na educación e vai vivir xa de maneira estábel coa súa nai e coa súa madriña. Ese cambio xera dúbidas e medos.

Á hora de compoñer que se conta, unha vez definido o conflito, atravesan toda a peza os temas que van estar presentes en toda a súa obra

A súa biografía persoal ten moito peso, mais boa parte (imaxino que especialmente na personalidade) é ficción.

Totalmente. Á hora de compoñer que se conta, unha vez definido o conflito, atravesan toda a peza os temas que van estar presentes en toda a súa obra. A tese do espectáculo é que todo ese mundo que como nena ten medo a perder sobrevive non só para ela, senón para xeracións e xeracións, a través da poesía. Desas paisaxes e desa realidade que a rodea e que vai estar presente en Cantares Gallegos.

Aí entra en xogo o obxectivo pedagóxico de achegar a obra de Rosalía ás crianzas?

Si, pero o obxectivo pedagóxico é converter a partes iguais en protagonistas tanto a Rosalía como á propia poesía. Isto faise desde a perspectiva de como nace a poesía: do ritmo, da música, do xogo, do lúdico... Iso é o que queremos rescatar, para fomentar entre a rapazada ese amor pola palabra.

De que maneira está a poesía presente no espectáculo?

Está en todo momento a través da figura de Rosalía nena, que enreda e goza xogando coas palabras, algo que fan moito as cativas. Encántanlles os xogos de palabras, os trabalinguas e todas esas brincadeiras verbais que rematan por se transformaren nunha rima, que se fan a través da sonoridade da palabra. Dese xeito, entran en contacto coa linguaxe, coa gramática, ca poesía, dunha maneira natural, nada forzada, ou iso pretendemos.

Como foi abordar unha figura tan emblemática como a de Rosalía?

Somos moi atrevidas [ri]. Obviamente foi un proceso apaixonante. Nate foi a responsábel da documentación, para que todo o que se conta sexa coherente coa súa figura e, ao mesmo tempo, procuramos ter certo atrevemento. Non buscalo sería o peor que se lle pode facer a unha personaxe como a de Rosalía, que durante anos estivo tan tinguida dunha solemnidade e dunha serie de tópicos que xa as estudosas están tratando de desmentir —esa Rosalía morriñenta, contemplativa, intimista...

Parecíanos moi importante non conver Rosalía nunha vaca sagrada, senón achegarnos a ela con ousadía

Hai moito xa en Cantares Gallegos de denuncia da situación das mulleres ou da emigración, do empobrecemento da Galiza, de mirar a realidade dun xeito activo. Iso non sae da nada, dános un perfil dunha Rosalía nena que xa é consciente, cun pensamento propio e unha ollada crítica arredor do que ve na súa vila. Parecíanos moi importante non convertela nunha vaca sagrada, senón achegarnos a ela con ousadía. Hai que darlle vida, como unha personaxe de carne e óso. Iso foi fantástico e xa na preestrea comprobamos coa rapazada que funciona, pois pedía a segunda parte de Rosalía. Queren saber que lle pasa en Compostela e despois, pode ser unha saga [ri]. É brincadeira.

Non hai logo intención de continuar a historia?

Non, non. Aínda imos estrear este sábado. Pero estamos contentas, porque segundo as primeiras reaccións, tamén de adultas e mestras, as sensacións son boas. 

Comentarios