O fin do ano 2013 será especialmente intenso para a escritora Fina Casalderrey. Despois de converterse o día 22 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra, onde se celebrará o acto de entrada, na primeira representante da literatura infantil e xuvenil que entre na RAG, Fina Casalderrey recibirá a homenaxe da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) que a nomeara Socia de Honra nun acto que terá lugar en decembro. Fina Casalderrey será a terceira autora que a asociación recoñece coa súa distinción, despois de Neira Vilas e Agustín Fernández Paz.
A escritora Fina Casalderrey escolleu a súa cidade, Pontevedra, para a celebración do seu acto de entrada na RAG cun discurso que será contestado pola tamén académica pontevedresa Rosario Álvarez.