Fina Casalderrey protagoniza o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

No novo número do semanario analizamos tamén Rosendo Salvado, ‘o defensor dos sen alma’, e o traballo de Filippo Prósperi e Cándida Otero que Vítor Vaqueiro condensou na obra 'Facedores de imaxes. Fotografía e sociedade en Vigo. 1870-1915'.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a entrevista á escritora e profesora Fina Casalderrey, cuxa traxectoria, con máis de 60 títulos publicados, foi recentemente recoñecida pola AELG.

Montse González entrevista Fina Casalderrey sobre a evolución da súa traxectoria escribindo literatura infantil e xuvenil, con máis de 60 títulos publicados desde primeiros dos anos 90.

“Que enchamos o mercado editorial galego de produtos sedutores, que sumen no desexado proceso de normalización, é positivo. Porén, a realidade é que seguimos a precisar moitos máis, relacionados co mundo audiovisual, cos espectáculos infantís en vivo e cos novos formatos. Xa que inevitabelmente as pantallas conquistaron o interese da xente nova, enchoupémolas de lingua e de cultura do país. O que mudou pouco é a escasa presenza do libro galego nos escaparates das librarías”, explica Casalderrey.

Rosendo Salvado: o defensor dos sen alma

Nesta reportaxe, Antón Escuredo conversa co economista e profesor da Universidade de Vigo Albino Prada, autor do libro O país dos sen alma. Rosendo Salvado en Australia (1846-1899). A recuperación en lingua galega, e ampliación cun epílogo, desta obra, pon de actualidade a figura de Salvado, un misioneiro tudense multidisciplinar que puxo en práctica os seus coñecementos para evitar a desaparición dos habitantes orixinarios de Australia.

“A presenza do misioneiro galego en terras tan afastadas tiña moito que ver co seu ‘empeño en demostrar que os negros aborixes da Australia podían igualar os brancos en calquera cousa que se empeñasen. Que se non podían xa vivir nas súa terras como durante milleiros de anos, a causa da ocupación gandeira dos colonos ingleses, podían perfectamente levar as súas propias explotacións’. Para conseguir o seu obxectivo, nada mellor que pór en práctica a súa proposta e, daquela, pasar á acción”, relata Escuredo na reportaxe que inclúe o semanario desta semana.

Prósperi e Otero: cando Vigo era en branco e negro

A obra Facedores de imaxes. Fotografía e sociedade en Vigo. 1870-1915 condensa o relato en forma de crónica da parella formada por Prósperi e Otero, pioneira na fotografía da cidade viguesa. Antón Escuredo conversou para Sermos Galiza co responsábel deste laborioso traballo de investigación, Vítor Vaqueiro, que achega imaxes inéditas e documentación coa que pretende “difundir un legado que quedou agochado tras a sombra da traxectoria douro gran fotógrafo: Pacheco”.

Escuredo explica que “Vaqueiro recoñece no libro que mergullarse na obra de Prósperi e Otero ‘pon de manifesto o menosprezo que, na posteridade, sufriu a parella de fotógrafos, sistematicamente ocultos polo apelido e a obra xigantesca de Pacheco’”. “A razón de que acontecera esta inxustiza non foi outra que ‘ao longo dos anos, diversos autores e monografías lle asignaron ao fotógrafo portugués imaxes realizadas en Vigo cando nin sequera nacera’”, engade.

Natureza, literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, o colectivo Xea lévanos a camiñar polo litoral de Miño para coñecer mellor a ría de Betanzos e o esteiro do río Lambre.

Tensi Xesteira analiza no apartado literario Who the fuck is Alice?, un libro de autoría de Rebeca Baceiredo e publicado pola editorial Urutau en 2022; nel a autora explica como o mundo foi modelando as mulleres e como a arte actuou de catalizadora. Pola súa parte, Manuel Barreiro fálanos de O navegante, unha obra de banda deseñada do autor Tristán Ron.

No apartado musical, Olga Brañas analiza a traxectoria das galegas Tanxugueiras e analiza o seu traballo Diluvio. Fala tamén do regreso de The Skarnivals e da música “para o cinema” de Space ensemble.  Fernando Montenegro escribe un artigo titulado “Musica e política” sobre A House of Call de Heiner Goebbels.

O experto en cinema Andrés Castro debulla os filmes máis salientábeis da carteleira actual comezando por Babylon, de Damien Chazelle, e Pepe Barro analiza os deseños dos rótulos de bares e restaurantes de Santiago de Compostela. Na sección de arquitectura, Lázaro Armental fai unha análise das construcións que salvan a topografía accidentada.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios