A fin de semana é ecolóxica en Arzúa

O concello de Arzúa celebra este fin de semana a súa décima edición con dúas xornadas dun programa completo de actividades arredor da vida saudábel e  o consumo sostíbel ademais dun escaparate de produtos e actividades. Se queres aprender a preparar un menú san ou técnicas de relaxación, Arzúa é o teu destino este fin de semana. 

Organizada polo concello de Arzúa e xestionada por Culturactiva, a Feira Ecolóxica chega a súa décima edición cun programa de actividades, obradoiros ou conferencias e un escaparate continuado para os novos produtos do ámbito ecolóxico e alternativo. 

Nesta nova edición presentaranse numerosas novidades como as impresoras 3D que empregan plástico reciclado ou os postos de produtores e produtoras locais que traerán á feira queixos ou froitos da horta que respectan o medio. 

Con entrada de balde, a Feira Ecolóxica de Arzúa abre as súas portas para mostrar o público as novidades do coñecido como “sector verde” participando tamén en obradoiros de cociña creativa, de cultivo de plantas ecolóxicas, de debate sobre os lumes ou a xestión de residuos. O programa complétase cun concerto da Banda da Balbina o sábado e, para o público infantil, teatro na tarde do domingo. 

En Arzúa daranse cita profesionais, artesáns, produtores e produtoras para presentar un mundo que é posíbel vivilo en verde. Catas e demostracións de xeados, froita ou viños, presentación da stevia como produto estrela substitutivo do azucre, cosmética natural ou novidades de comercio xusto son algunhas das propostas dos máis de cincuenta postos que estarán abertos nesta fin de semana. 

.No recinto feiral “Terra do queixo” tanto o sábado día 5 como o domingo día 6, a Feira poderase visitar en función dos cinco espazos que nos achegan ao “Mercado Verde”, “Movementos Sociais e Medioambientais”, “Artesanía e terapias alternativas”, “Demostracións e degustacións” ou á cafetería ecolóxica e vegana a cargo da Asociación Caleidoskopio e Colectivo Xixirín. 

Entre os obradoiros que terán lugar na Feira están un de cociña creativa e saudábel, un de mesas de  cultivo, un de técnicas de relaxación ou un de iniciación ao uso do péndulo. O programa completo pódese consultar aquí. 

Comentarios