O filólogo Iván Méndez rescata a toponimia deturpada da Coruña

O filólogo coruñés protagoniza unha palestra mañá, día 31, ás 20.30 horas no Centro Social Gómez Gaioso na que analizará por que se substituíron os nomes tradicionais por novos topónimos vencellados a zonas de nova creación ou a estabelecementos comerciais
Iván Méndez, nun salón do Concello da Coruña (Foto:@echeoqhai)
photo_camera Iván Méndez, nun salón do Concello da Coruña (Foto:@echeoqhai)

Na cidade da Coruña a xente fai deporte pola zona de Punta Mexillosa, vai facer as compras ao Carracedo e ten os pisos de nova construción máis baratos en Eirís de Abaixo. O que pasa é que non o saben. Para o coruñés medio Punta Mexillosa é o Millenium, O Carracedo é Carrefour -ou Continente, para os nostálxicos- e Eirís de Abaixo é o Ofimático.

Existe toda unha toponimia propia perdida no túnel do tempo que protagoniza a palestra Umha outra Corunha a través da súa toponimia, impartida  mañá día 31, sexta feira, ás 20.30 horas no Centro Social Gómez Gaioso por Iván Méndez.

O filólogo coruñés revela para Nós Diario que as orixes da desaparición da toponimia propia de séculos radica no "caótico desenvolvemento urbano" que sufriu a cidade a partir de mediados do século XX, "vinculado á chegada de moitas xentes que vivían aquí, mais como eran de fóra non coñecían o territorio. E, ao mesmo tempo, tamén tivo lugar outro movemento de persoas dun barrio a outro, perdéndose así o patrimonio toponímico", engade.

Ademais, Iván Méndez tamén liga esta instauración de novos topónimos vencellados a zonas de nova creación ou a estabelecementos comerciais cun transfondo político, que exemplifica co barrio de Garás, actual Linares Rivas, unha das zonas máis caras de toda Galiza.

"Garás era un barrio de mariñeiros, mais conscientemente púxoselle Linares Rivas para eliminar un pasado de ambiente popular que se foi perdendo cun topónimo do que estou seguro de que moita xente da Coruña non escoitou falar nunca, pese a ter como mínimo 500 anos de antigüidade".

Comentarios