Filólogas galegas e brasileiras elaboran un dicionario sobre a crise económica

Un grupo de filólogas da Universidade de Vigo traballan en parcería con especialistas de São Paulo para a elaboración dun dicionario de termos sobre a crise económica. A prensa é a fonte para a elaboración do corpus semántico. 

Iolanda Galanes
photo_camera Iolanda Galanes

Os correctores vólvense tolos cos novos termos que a crise económica popularizou e se foron adaptando ás diversas linguas como ía cadrando. Os meios de comunicación orixinaron debates entre lingüistas a respecto dalgunhas palabras usadas xa en titulares e que podían tomar distintas formas. Coa urxencia da propia crise económica, un grupo de especialistas, sete de Brasil e catro da Galiza comezaron a elaborar un catálogo de imaxes de cara á ofrecer un futuro dicionario sobre a crise económica internacional. 

Trátase de elaborar un estudo da crise económica partindo dos neoloxismos da prensa “desde un punto de vista intercultural e multilingüe”, segundo sinala a profesora da Facultade de Filoloxía e tradución, Iolanda Galanes e recolle o xornal da propia Universidade de Vigo. A fonte do traballo é a propia prensa e, segundo as promotoras, iso posibilita a contextualización dos acontecementos e pon de manifesto a distinta percepción da crise nun país intervido como Portugal ou nun emerxente como Brasil. 

Iolanda Galanes, Silvia Montero, Ana Luna e Aurea Fernández toman parte do equipo de Vigo que traballa en parcería con especialistas do Observatório de neologismos científicos da Universidade de São Paulo dirixidos pola profesora Ieda Maria Alves.

A metodoloxía pasará desde un estado inicial no que se estudarán tres xornais durante cinco anos un día á semana para constituír un primeiro corpus do que sairá o segundo cun conxunto de novos conceptos, afondando no estudo semántico. 

Comentarios