A filóloga Luz Cures, Premio a artigos normalizadores Concello de Carballo

Filóloga e profesora, Luz Cures é a gañadora da nova edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo. “Etiquetaxe” é o título do artigo. 

luzcures

Co artigo “Etiquetaxe” a súa autora, Luz Cures, consegue non só os 1.000 euros do XI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo senón a súa publicación en Sermos Galiza, Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa,e Tempos Novos, cabeceiras colaboradoras da convocatoria. 

O xurado do premio, composto polo concelleiro de Carballo, Xosé Regueira, o gañador da anterior edición, José Casás, a xornalista Patricia Blanco, o responsábel da Mesa,Xosé Cotelo, e o técnico de normalización lingüística do Concello, Nel Vidal, valorou do artigo “á súa clara mensaxe baseada en persoas e situacións reais, cun estilo innovador e orixinal, cunha mensaxe positiva e de construción, propondo borrar prexuizosas etiquetas existentes socialmente sobre o uso do galego”.
 
A autora, Luz Cures Vázquez é natural de Carballo aínda que na actualidade reside en Bertarmiráns, Ames. “O meu barrio foi fonte inesgotable de anécdotas e encheume a cabeza de ideas que algún día hei de escribir. Fíxenme filóloga porque me gustaba a literatura, aínda que tamén me valía ser política, xornalista ou calquera cousa que me permitise falar arreo e ler canto caese nas miñas mans”, explica a autora na súa presentación arredor da vontade de contar historias que reflicte tamén no seu artigo. 

O nome de Luz Cures incorpórase á listaxe dos dez que gañaron as anteriores edicións do certame que son os de Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei ou José Casás.

Comentarios