Do 4 ao 11 de xuño en Compostela

Filmes de dez nacionalidades na mostra do Museo do Pobo Galego

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Muso do Pobo Galego ofrecerá, na súa sección oficial, filmes de dez nacionalidades diferentes. Entre elas, algunha presenza destacada en festivais como o de Berlín ou o suízo Visións do Real. “Na escolma apréciase a riqueza de recursos e temáticas presente no cinem etnográfico contemporáneo”, aseguran desde a organización.
 

imaxe os fillos da vide
photo_camera Fotograma de 'Os fillos da vide', de Ana Domínguez.

A mostra do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela atinxe a súa 13ª edición e faino cunha sección oficial que outorgará dous premios, á Mellor Película Etnográfica e á Mellor Película Galega. Entre as obras a concurso atópanse as galegas Os fillos da vide de Ana Domínguez, Palmira de Diana Gonçalves, e Nocturnos: Fantasmas de mar en porto, de Álvaro F. Pulpeiro.

Ademais, catro das 12 pezas serán estreas en Galiza. Ohne Diesel Welt, de Nora Fingscheidt, pasou pola Berlinale. La nuit éclaire la nuit, de Lo Thivolle, polo Visions du Réel. E abranxen todo tipo de modalidades dentro do cinema etnográfico e a antropoloxía visual: do etnodocumental de Chamán ou Grub and Run á metraxe atopada de Belén, reina de Quitplá ou a mencionada Os fillos da vide.

A organización da exhibición salienta, a maiores, que a metade dos filmes da sección oficial están dirixidos por mulleres. A presenza feminina refórzase tamén nas seccións paralelas como Etnografía, muller e cinema ou Trazas.

O xurado do concurso da Mostra de Cinema Etnográfico fórmano a profesora e antropóloga visual Elisenda Ardèvol, o especialista en etnografía sonora Alonso Cambrón e mais o presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourens e realizador Manuel Precedo. O galardón á Mellor Película Etnográfica está dotado con 900 euros e á Mellor Película Galega, con 700. Haberá tamén mención do público.

Actividades como a mesa redonda Ollares intencionados: en primeira persoa. Entre a autobiografía e a etnografía no documental contemporáneo, a partir do filme de Mercedes Álvarez O ceo xira, ou a exposición Camiños da imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela, Costiña, sobre fotos e imaxes en movemento tomadas na Guarda nos anos 20 do pasado século, complementan o programa.

Comentarios