Semana de cinema galego no CGAI

Filmes para celebrar o 17 de Maio

O pioneiro da produción Víctor Ruppén, as fitas galardoadas nos últimos Mestre Mateo e o documental etnográfico serán os eixes da programación coa que o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña celebra a semana do Día das Letras.
 

o carro e o home - antonio román
photo_camera Fotograma de 'O carro e o home', de Antonio Román con guión de Xaquín Lorenzo, Xocas. Imaxe: cedida.

A primeira sesión será esta terza feira, a partir das 20.30 horas. Centrarase na figura de Víctor Ruppén, recentemente falecido e home fundamental no despregamento do cinema galego e en galego no final da ditadura. Ao seu labor como produtor débense algunhas das primeiras curtametraxes rodadas en 35mm, títulos de culto e estatus case mítico como Fendetestas (1975), de Antonio Simón; Illa (1975), de Carlos López Piñeiro; O herdeiro (1976), de Miguel Gato, e O pai de Migueliño (1977), de Miguel Castelao.

Non foi a produción, coa súa empresa Musidora Films, o único ámbito de acción cinematográfica de Ruppén. Impulsou ademais os cines Valle Inclán da Coruña e Compostela e os Alphaville de Madrid. Simón e López Piñeiro presentarán proxección canda a investigadora Sara Donoso.

Cuarta e quinta feira, o CGAI acollerá pases dos filmes distinguidos na última edición dos premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Audiovisual Galega. O 14 de maio ás oito e media do serán proxectarase Idénticas, de Luís Avilés, mellor documental nos Mestres Mateo. Ao día seguinte, ás seis, a mellor curta de ficción -A nena azul, de Sandra Sánchez- e a mellor de animación -Son unha tomba, de Khris Cembe. Ás oito e media será a quenda de A sombra da lei, de Dani de la Torre e Vaca Films, galardoada en nove categorías.

O que a filmoteca -que depende da Consellaría de Cultura- denomina “especial das Letras Galegas” concluirá o sábado 18 de maio cunha xornada dedicada ao cinema etnográfico e, así, directamente relacionada co protagonista deste Día das Letras, Antonio Fraguas. O home e o carro (1940) de Antonio Román con guión de Xaquín Lorenzo, Xocas; O carro e o home (1980), remontaxe daquela material a cargo de Eloi Lozano; e Arraianos (2012), de Eloy Enciso, serán as obras a visionar.

Comentarios