Cultura

Os filmes de autor toman Lugo na próxima semana

A XLII edición da Semana de Cinema de Lugo decorrerá entre 23 e 28 de novembro, coa proxección de 119 filmes en diferentes espazos da cidade.
A curtametraxe '16 de decembro', incluída na programación.
photo_camera A curtametraxe '16 de decembro', incluída na programación.

O cinema de autor tomará a cidade de Lugo desde o 23 ao 28 de novembro. A Semana do Cinema, organizada polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá e dirixida por Manuel Curiel, inclúe a proxección de 119 filmes en distintos espazos culturais da cidade, escollidos entre os "preto de 2.000 filmes de 60 países" que se candidataron, sinalou o director.

A Semana do Cinema de Lugo ten lugar logo de ser adiada en setembro, data na que transcorría habitualmente. "Sería doloroso para nós, e cremos que tamén para Lugo, facer unha paréntese nun traballo que vimos facendo desde 1979", expuxo Xulio Xiz, director do Grupo Fonmiñá.

119 filmes en cinco salas

As películas da Sección Oficial proxectaranse no Auditorio Municipal Gustavo Freire, con pases ás 19 e as 21 horas. O Vicerreitorado acollerá as proxeccións das seccións Cinema Galego, con 28 filmes de diversa duración que dan conta do amplo panorama do país, con obras recentes como 16 de decembro (Álvaro Gago), Xoves de Comadres (Noemi Chantada), Malcavada (Antonio Mourelos), Os prexuízos da auga (Santos Díaz) ou Atopando o camiño (Andrés Castro e María Fanjul).

No mesmo espazo, baixo a premisa "As curtas cine son" proxectaranse tamén 35 pezas breves, tamén con achegas galegas como Homomaquia (David Fidalgo).

No salón de actos do Pazo de San Marcos, exhibiranse as catro películas de Cinema Documental; mentres que no auditorio do Vello Cárcere se poderá ver o ciclo La Otra Orilla con filmes de Arxentina, Chile, Cuba, Colombia, México, Honduras, Brasil e Bolivia.

A entrada ás proxeccións será de balde, até completar a capacidade das salas, limitada a 30 persoas. O Grupo Fonmiña habilitou un espazo na web para a reserva de billetes.

Deixade que o cinema...

Como novidade, e para compensar as limitacións de capacidade impostas pola pandemia, a Semana de Cinema de Lugo achegará as proxeccións á sede de Apsnais. O festival sairá de Lugo para ofrecer tamén sesións de cinema nas prisións de Bonxe, Monterroso e Teixeiro, unha iniciativa para a que contan coa colaboración da asociación Concepción Arenal e de Institucións Penitenciarias. 

Comentarios